publicidade hoxe

O Concello de Cedeira aposta polo cine coa proxección do filme “A Esmorga”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCedeira
A-
A+

No marco da programación cultural municipal, o Concello de Cedeira retoma a súa aposta polo cine e as proxeccións no Auditorio, e faino cunha das mellores películas dos últimos tempos: A Esmorga. Un filme basado na novela de Eduardo Blanco Amor, dirixido por Ignacio Vilar e protagonizado por Miguel de Lira, Karra Elejalde e Antonio Durán “Morris”.

Unha película que, recentemente, se convertía na primeira longametraxe rodada en galego que consigue unha nominación aos Goya na categoría de Mellor guión adaptado, e que vén avalada polas cifras: o mellor estreo de todo o ano en España entre as películas con menos de 100 copias; a segunda película con maior recadación media en toda España no fin de semana do seu estreo… O público cedeirés poderá disfrutar dela esta fin de semana. Así, o Concello programou tres pases: o venres, ás 21,30 horas; o sábado, ás 22,15 horas, e o domingo, ás 18,30 horas. O prezo das entradas, como é habitual, será de 5 euros (a recadación, neste caso, está xestionada directamente pola distribuidora do filme).

A Esmorga ofrece unha crónica tensa e intensa de 24 horas na vida de tres homes, compañeiros de festa que, deixando un regueiro de destrucción, de sexo equívoco e reprimido, van pechando portas tras de si e tirando as chaves, como para non querer volver, tal como se a propósito camiñaran cara a súa perdición. Teatro Así mesmo, a programación para este fin de semana tamén inclúe teatro. Neste caso, a representación da obra “Ride, ride!”, a cargo da compañía 3DTrans.

Será o sábado, a partires das 20 horas. Trátase dun espectáculo dunha hora de risas garantizadas, onde as súas protagonistas repasarán, co seu particular sentido do humor, o vivido e sufrido durante a súa experiencia televisiva. E é que 3DTrans está integrada por Sabela Amado Rojo, Cristina Mariño e Cristina Moreira, gañadoras do concurso cómico “Os Humorosos” do programa Luar da TVG. As entradas, a 2,5 euros.

2 de febreiro de 2015 | 12:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.