publicidade hoxe

O BNG de Caldas de Reis denuncia pintadas de simboloxía nazi na fachada da súa sede

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCaldas de ReisLocal Portada
A-
A+
Europa Press
Pintadas na fachada da sede

Pintadas na fachada da sede

O BNG de Caldas de Reis (Pontevedra) denunciou a aparición de pintadas con simboloxía nazi e dianas na fachada da súa sede, na rúa Fermín Mosquera.

O voceiro municipal do Bloque de Caldas, Iñaqui Fernández, afirmou que esas “ameazas” non van amedrentar “o máis mínimo” á súa formación política.

“Se pensaron que enchendo de simboloxía nazi o noso local ou poñendo nunha diana nos van parar ao BNG, non nos coñecen e están moi equivocados”, engadiu Fernández dirixíndose aos autores desta agresión.

Concretamente, o voceiro nacionalista en Caldas referiuse ás esvásticas pintadas na parede e na porta, así como a dúas dianas, unha delas sobre o logotipo do partido no cartel xunto á entrada.

Iñaqui Fernández criticou o carácter “anti democrático” dos responsables desta acción, realizada “aproveitando a escuridade da noite”, precisou.

“Quen atentou contra a nosa sede sabía ben contra quen atentaba”, advertiu Iñaqui Fernández, argumentando que o BNG é “unha forza política nacionalista que defende o país e se enfronta clara e contundentemente contra este sistema cruel e corrupto que nos empobrece”, concluíu.

17 de febreiro de 2015 | 18:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.