publicidade hoxe

O alcalde de Neda acusa ao PSOE local de buscar réditos políticos no centro de saúde

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNeda
A-
A+

O alcalde de Neda, Ignacio Cabezón Lorenzo, asegurou esta mañá que a campaña electoral empezou xa para o voceiro do grupo municipal socialista e, nese contexto, confía en sacar réditos do centro de saúde. Responde así ás declaracións do socialista quen, coñecedor das xestións que o goberno municipal leva a cabo para lograr que a Consellería de Sanidade asuma a titularidade do centro, pide agora nos medios que esas conversas se inicien. O rexidor mostrou a súa sorpresa porque lle reclame a través dos medios unha negociación que xa está en curso, pero que non faga nin unha soa pregunta no pleno celebrado tres días antes. Para o alcalde, esta actitude só pode deberse ao nerviosismo ante a próxima cita electoral.

Nesta liña, Cabezón Lorenzo volve a defender a súa xestión neste terreo e rebate os problemas denunciados pola coordinadora do centro de saúde, á súa vez, integrante da pasada lista electoral de IU. Sinala que o Concello sempre deu resposta ás incidencias trasladadas polos responsables do centro –en materia eléctrica, especialmente-. Sobre a presenza de roedores insiste en que o Concello non recibiu notificación ou comunicación algunha e que, se así fose, dispón de servizo de desratización, a disposición deste centro. En relación ás filtracións, o rexidor lembra que hai dous anos, co anterior xerente da Área Sanitaria, xestionaba unha solución á problemática. Froito das negociacións, arquitectos do Sergas, acompañados do técnico municipal, se desprazaban ao centro para realizar un informe técnico no que se planteaba a sustitución da cuberta.

A continuación, producíase o cambio ao fronte da Xerencia e reiniciábanse as xestións co responsable actual. Á espera de que a Consellería de Sanidade asuma a actuación, Ignacio Cabezón comunicáballe ao xerente, hai tres semanas, que o Concello asumiría unha solución provisional que estivese no marco da súa capacidade económica. Así, lle trasladaba que levantaría a tella e colocaría unha tela aislante no momento no que o tempo o permitise.

2 de febreiro de 2015 | 18:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.