publicidade hoxe

Novos sabores para a mesa tradicional na Cabaña de Marcelle co Showcooking da Deputación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugoOuteiro de Rei
A-
A+

O Showcooking Cociña Autóctona da Deputación de Lugo continúa a súa andadura hoxe en Outeiro de Rei, tras o seu paso pola Fonsagrada, Monforte de Lemos, Cervantes, O Valadouro e Begonte cun dobre obxectivo: potenciar a comercialización e o consumo dos produtos propios da provincia luguesa, e favorecer o desenvolvemento do turismo gastronómico.

A sétima xornada do Showcooking terá lugar ás 18:00 horas na Cabaña de Marcelle, situada nas proximidades do río Miño, nun parque natural habitado por multitude de animais en liberdade. O local está construído con troncos de madeira, traídos especialmente dende Finlandia. O seu chef, Bruno Lamas, cunha ampla experiencia, elaborará varios pratos tradicionais con sabores innovadores in situ, empregando alimentos da contorna.

Durante esta clase maxistral, os asistentes aprenderán a preparar unha tosta de xamón asado ao forno sobre compota de tomate e gratinado con queixo de Arzúa-Ulloa, así como falda de vaca estufada ao Viño Mencía sobre pataca panadeira. Como sobremesa, Lamas optará pola elaboración dun crocante de caramelo, con crema de queixo do Bierzo e froitos do bosque temperados. Ao rematar, os participantes degustarán o menú preparado.

A Deputada de Medio Ambiente e Enerxías Renovables, Sonsoles López Izquierdo, participará neste obradoiro que pretende amosarlles aos asistentes o potencial turístico da “cociña de proximidade”, un concepto moi recente que busca diferenciar aos restauradores que empregan maioritariamente produtos da súa zona, asegurando así a súa frescura e estado ao chegar ao establecemento, xa que non é necesario un transporte excesivo.

A iniciativa, financiada nun 80% por fondos europeos do Lug02 Provincial, está dirixida, principalmente, a profesionais do sector hostaleiro, entre os que se trata de fomentar o uso de produtos autóctonos na elaboración dos seus pratos diarios, aproveitando a súa calidade e a exclusividade en cada zona para impulsar o sector.

O mércores en Foz

O vindeiro mércores, 18 de febreiro, a Deputación leva o Showcooking Cociña Autóctona ao Asador La Quinta de Foz, onde se empregarán, ao igual que o resto da xornadas, produtos autóctonos, principalmente, aqueles que posúen a marca de calidade LugoSabe, creada polo organismo provincial, e os ofertados na 1º plataforma de comercio electrónico da provincia, tamén posta en marcha pola Deputación: www.losproductosdelugo.com Estas xornadas de cociña gratuítas continuarán durante todo o mes de febreiro.

16 de febreiro de 2015 | 13:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.