publicidade hoxe

Medio Ambiente comeza a avaliación ambiental do proxecto de urbanización dos servizos xerais da plataforma loxística Salvaterra-As Neves

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAs NevesLocal PortadaPontevedraSalvaterra de Miño
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas inicia hoxe o trámite de avaliación de impacto ambiental do proxecto de urbanización das infraestruturas de sistemas xerais da plataforma loxística de Salvaterra- As Neves (Plisan). O documento pode consultarse no apartado de avaliación do impacto ambiental de proxectos, no portal web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, durante un prazo de 30 días, período no que as administracións públicas afectadas e as persoas interesadas poderán presentar alegacións ao documento ambiental do proxecto.

Despois de que o Consello da Xunta, en decembro de 2014, aprobara a reposición do réxime de condominio na Plataforma Loxística de Salvaterra-As Neves (PLISAN), a Xunta avanza un paso máis para a licitación das obras no primeiro semestre de 2015. Actualmente estase traballando na redacción dos proxectos da primeira fase dos sistemas xerais, adxudicados a finais do pasado ano xunto coa dirección de obra, co obxectivo de que as obras poidan ser licitadas no primeiro semestre de 2015.

Está previsto que as tres administracións promotoras da Plataforma Loxística de Salvaterra-As Neves asinen proximamente ese acordo de volta ao réxime de condominio. Dese xeito, esta plataforma loxística volverá a ser un proxecto participado e impulsado conxuntamente polas tres administracións implicadas no seu desenvolvemento: o Instituto Galego de Vivenda e Solo, a Autoridade Portuaria de Vigo e o Consorcio da Zona Franca de Vigo.

O proxecto definirá as obras necesarias para urbanizar o ámbito dos sistemas xerais no corresponde a movemento de terras, explanación, pavimentación, estruturas, drenaxe de augas pluviais e obras hidráulicas, rede de saneamento de augas residuais, captación de auga do río Miño, depósitos de carga e regulación, ETAP, rede de abastecemento, alumeado público, rede de media tensión, baixa tensión e centros de transformación, infraestrutura de telecomunicación, rede de gas natural, xardinería e obras adicionais.

A superficie sobre a que se actuará nesta primeira fase dos sistemas xerais da PLISAN é de 71,26 hectáreas, prevéndose un investimento de máis de 16 millóns de euros, que serán achegados polas tres administracións actuantes en función da súa participación na plataforma loxística.

A colaboración que se establece entre as tres entidades supón desbloquear un proxecto destinado a dotar o sur da provincia de Pontevedra de solo industrial e loxístico e facilitar a actividade económica e produtiva.

A distribución da participación de cada un dos tres organismos volverá a ser a prevista antes de que o anterior Goberno galego decidise resolver o réxime de condominio, e que na práctica supuxo deixar á Zona Franca fóra do proxecto. Deste xeito, as porcentaxes de participación volven ser as seguintes: Autoridade Portuaria de Vigo: 60,580 %, IGVS: 18,295 % e Consorcio da Zona Franca de Vigo: 21,125 %.

Cabe destacar que a Xunta, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas rematou xa os accesos viarios ao polígono, cun investimento de máis de 20 millóns de euros nunha vía de altas prestacións de 4,5 km de lonxitude que conecta a autovía A-52 coa plataforma loxística.

10 de febreiro de 2015 | 12:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.