publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Imputan supostos delitos de abusos a menores e minusválidos ao relixioso detido

Europa Press

A Garda Civil imputa os supostos delitos de abusos sexuais a unha menor e a un discapacitado, así como apropiación indebida, ao relixioso franciscano detido no Cebreiro (Lugo), que foi posto este mércores a disposición xudicial. Segundo informaron fontes da investigación, ao relixioso detido, da comunidade franciscana do Cebreiro, interviñéronselle dispositivos electrónicos, móbiles e ordenador, nos que se descubriron arquivos multimedia.

En concreto, os investigadores acharon imaxes nas que aparece o relixioso cunha menor mantendo relacións sexuais, segundo confirmaron as mesmas fontes. Sobre as 10,00 horas deste mércores o detido pasou a disposición xudicial no xulgado de Becerreá, tras ser detido o pasado luns pola Garda Civil de Lugo polos supostos delitos de abusos a menores e minusválidos e apropiación indebida, por quedar con diñeiro do cepillo do Mosteiro do Cebreiro.

Precisamente este é un lugar de peregrinación onde se producen importantes doazóns, sobre todo coincidindo coa festividade do 8 de setembro en honor a Santa María, cando furgóns de empresas de seguridade acoden ao lugar para levarse a recadación, segundo explicaron veciños da zona.

O Bispado de Lugo puntualizou que o detido “non é sacerdote” e “non tiña encomendado ningún oficio eclesiástico pola Diocese de Lugo”, pero ante a “presunta gravidade” dos feitos atribuídos, decidiu “prohibir de xeito preventivo a súa presenza nas parroquias da unidade pastoral do Cebreiro, así como calquera outro tipo de colaboración pastoral no territorio diocesano”.

25 de febreiro de 2015 | 13:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.