publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Finalizan as obras do centro público para maiores de Castroverde

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCastroverdeLugo
A-
A+
Besteiro na visita ás instalacións

Besteiro na visita ás instalacións

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o Alcalde de Castroverde, Xosé María Arias, supervisaron este venres o remate das obras de construción da residencia e centro de día público deste Concello, financiadas con 1,4 millóns de euros (1,2 millóns do organismo provincial e 200.000 euros do municipio). A Deputación ten en marcha xa o proceso de contratación do equipamento para este centro da terceira idade, no que inviste outros 150.000 euros. Presidente e Alcalde puideron ver hoxe unha mostra do mobiliario, posto que as empresas que optan a este contrato público están a achegar o seu material para comprobar se se axusta ás características técnicas do prego. 
Gómez Besteiro subliñou que “rematadas as obras e a piques de contratar o equipamento, temos practicamente todo listo para, nos vindeiros meses, poñer en funcionamento a residencia e centro de día de Castroverde”. De feito, destacou que no mes de marzo quedarán rematadas as tarefas de acondicionamento de mobiliario, co que finalizaría a fase de obras, de xeito que nos meses seguintes poida procederse á contratación do persoal necesario e a avaliación das solicitudes de ingreso, para que en setembro poidan comezar a funcionar.

Nesta mesma liña, Besteiro subliñou que, este mesmo ano, poranse en marcha outros 5 centros, polo que “chegado a este punto, é imprescindible que a Xunta se implique dunha vez por todas neste proxecto público e concerte prazas”, ao igual que está a concertar en centros privados pero que nega aos veciños desta Comarca, da de Lugo, dende 1977. A Xunta é a administración galega responsable da concertación de prazas, que garanten o acceso universal a este servizo, posto que supoñen unha redución nos custos para os usuarios de ata o 50%.

O Presidente lembrou que o pasado Pleno Provincial aprobou, co voto en contra do PP, unha moción, instando á Xunta a asinar un convenio de colaboración para a concertación de prazas na rede pública de residencias e centros de día que constrúe a Deputación nos Concellos lugueses. Xa no 2011, Gómez Besteiro fixo persoalmente esta petición á Conselleira de Benestar. Beatriz Mato negouse e dixo, textualmente, que os centros para maiores “non son prioritarios nin necesarios” na provincia lucense. Segundo datos do Mapa de Equipamentos Sociais, elaborado pola propia Xunta, a provincia de Lugo conta con 662 prazas públicas residenciais cando precisa de, polo menos, 1.228 para acadar os ratios mínimos de cobertura asistencial.

Apertura de 6 centros

As previsións do organismo provincial son abrir, este mesmo ano, 6 centros para maiores e dar emprego a máis de 60 persoas para a súa atención. De feito, o Presuposto para 2015 xa recolle unha partida de 425.000 euros para a contratación de persoal e gastos correntes dos centros da terceira idade. Con respecto ás obras, están rematadas as de Castroverde e execútanse as de Trabada e A Fonsagrada (as máis avanzadas), ademais das de Pedrafita do Cebreiro e Pol. A Deputación espera que a Xunta conceda o informe favorable para poder iniciar as de Ribas de Sil, así como que o Concello de Guitiriz aprobe a modificación puntual do planeamento municipal (documentación que lle redactou para axilizar este proceso) para facer o mesmo coas da Casa da Botica. Tamén ultima o proxecto de Navia de Suarna.

Son 10,5 millóns de euros o investimento que achega a Deputación para a construción destas 8 residencias e centros de día. Os Concellos colaboran no financiamento mediante unha achega de 200.000 euros, ao tempo que aportan os terreos necesarios, licenzas e servizos urbanísticos imprescindibles. Son, polo tanto, proxectos conxuntos de Deputación e Concellos de todas as cores políticas, que potencian o benestar social e o emprego, dinamizando a economía local e combatendo o despoboamento demográfico. Ofrecen aos maiores un servizo de calidade no rural para que non teñan que abandonar os seus fogares.
 
Características

A residencia e centro de día público sitúase no centro da vila de Castroverde, concretamente, entre as rúas Santiago e Alcalde Xesta. Conta cunha superficie útil de 1.800 metros cadrados, tendo en conta as zonas exteriores. O edificio divídese en dúas prantas, de 773 metros cadrados cada unha. Na baixa, sitúanse os servizos de enfermería, primeiros auxilios, cociña, lavandería, recepción, ademais dos espazos comúns, como o comedor ou as salas de lectura e televisión. Na pranta alta, hai 24 habitacións individuais con baño, que poderían ser dobres, segundo as necesidades, para dar capacidade a 48 persoas.

Emprego en Castroverde

Segundo as directrices da Lei de Servizos Sociais de Galicia, é obrigatorio contar cun mínimo de coidadores por número de prazas, así como de 1 médico e 1 ATS que presenten atención ás 24 horas do día. Tendo en contas as características desta infraestrutura, a Deputación dará traballo ó redor de 8 sanitarios, ademais de persoal auxiliar como administrativos, cociñeiros ou limpeza, entre outros.   

Obras

Besteiro e Arias visitaron a estrada municipal de Paderme a Quetesende, que une O Corgo e Castroverde, e que vai a ser acondicionado a través do PEIM. Trátase do plan de mellora de camiños de titularidade municipal dos 67 Concellos da provincia, dotado de 6,8 millóns de euros. Ao redor do 75% son fondos da Unión Europea, do 12% do Ministerio de Medio Ambiente, máis dun 10% da Deputación de Lugo (con 742.000 euros) e do 2% da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural. Castroverde recibe co PEIM un total de 103.292 euros para, xunto á mencionada vía, acondicionar os camiños de Soutullo, As Cabozas, A Meda, Serés, Cobelas, Acebedo, A Rubial, así como os accesos aos núcleos de Vilarín.

6 de febreiro de 2015 | 18:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.