publicidade hoxe

Entra en vigor o Plan de conservación da lagoa e areal de Valdoviño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal PortadaValdoviño
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia publica o decreto polo que se aproba o Plan de conservación do humidal protexido lagoa e areal de Valdoviño, que se converte deste xeito no primeiro dos humidais protexidos de Galicia que conta con esta figura de protección. O plan, que estará en vigor dende mañá, parte dun exhaustivo diagnóstico sobre os principais riscos que afronta o lugar para establecer unha regulación de usos e unhas liñas de acción para a recuperación, protección e divulgación dos valores naturais do humidal.

O documento de planificación establece un protocolo de actuación para evitar a ruptura violenta da barreira natural da lagoa, coa apertura dunha canle temporal que reproduce a canle natural de desaugadoiro e que minimiza o risco de afección neste espazo, nos seus hábitats e nas persoas.

A lagoa de Valdoviño, que constitúe un dos cinco humidais protexidos de Galicia, está formada pola lagoa litoral da Frouxeira e por un sistema dunar en moi bo estado de conservación. Este complexo húmido constitúe un dos lugares de maior diversidade de Galicia, tanto pola presenza de hábitats naturais e seminaturais de especial relevancia como polo importante número de especies da fauna e flora protexidas.

Este lugar conta con diferentes declaracións para preservar os seus valores naturais: humidal de importancia internacional (convenio Ramsar), zona de especial protección para as aves (ZEPA), zona de especial protección dos valores naturais (ZEPVN), humidal protexido e zona de especial conservación (ZEC). Por tal motivo e co obxectivo de compatibilizar a protección e conservación do espazo natural cos condicionantes de poboación existentes, desenvólvese o plan de conservación.

O ámbito territorial do plan abrangue unha superficie de 485,23 ha e correspóndese coa delimitación establecida polas figuras de protección de humidal protexido. O espazo natural conta con 29 hábitats considerados de interese comunitario e 160 especies da fauna e flora con algunha figura de protección.

Os elementos que destacan neste espazo natural e que podemos considerar como elementos clave para a súa xestión son o conxunto da lagoa e o sistema de praia e dunas.

A lagoa da Frouxeira é unha lagoa intermareal que no último século sufriu diferentes cambios, xerados na maioría dos casos por perturbacións antrópicas que modificaron o funcionamento hidrolóxico do sistema barreira litoral lagoa. Actualmente prodúcense episodios nos que a canle de comunicación entre a cubeta e o mar permanece pechada e se produce unha suba do nivel da auga que provoca a inundación tanto na zona viaria anexa ás vivendas como en parte dos terreos destas, seguidos pola ruptura total da barreira litoral e o baleiramento da lagoa. Esta ruptura brusca e explosiva da barreira pode traer efectos negativos sobre os ecosistemas dunares e do humidal.

A zona, ademais, sofre outras presións e ameazas relacionadas coa presenza de especies alóctonas invasoras, diversas prácticas agrarias e forestais, a calidade das augas da lagoa e a presión antrópica motivada polo tránsito de persoas polas dunas, cantís e zonas de praias, a entrada ocasional de vehículos de motor, as limpezas mecánicas da praia e a práctica de determinados deportes.

A partir desta diagnose previa o plan establece unha regulación de usos e unhas liñas de acción que abranguen a recuperación do funcionamento hidrolóxico do humidal, a restauración dos hábitats dunares, o regulamento das actividades de uso público, o control e mitigación das especies exóticas invasoras, a promoción da información ambiental dos valores do complexo húmido e o establecemento dun seguimento do humidal.

Liñas de actuación

O plan establece uns obxectivos específicos de conservación e unhas áreas prioritarias de actuación para acadar cada un destes obxectivos. As liñas de actuación propostas son o resultado da experiencia en xestión, análises de estudos específicos sobre o lugar, da colaboración con outras administracións públicas e do proceso de participación pública. Abranguen, en liñas xerais, as seguintes actuacións:

• Actuacións sobre a lagoa costeira.
• Actuacións sobre outros tipos de hábitats.
• Actuacións sobre especies.
• Uso público.

Mediante a aprobación deste decreto o Consello da Xunta dá cumprimento a un mandato do Parlamento de Galicia no que se instaba a Xunta a buscar novos mecanismos de actuación na lagoa cando sexa necesaria a apertura do desaugadoiro e executar as accións necesarias que permitan a conservación e restauración do espazo natural.

A partir do día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, as disposicións contidas no plan serán vinculantes tanto para as administracións públicas como para os particulares, e prevalecerán sobre o planeamento urbanístico.

25 de febreiro de 2015 | 13:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.