publicidade hoxe

Educación garante que as familias de Culleredo poderánformalizar a matrícula dos seus fillos no novo IES en breve

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCulleredo
A-
A+

Os pais e nais de Culleredo poderán en breve formalizar a matrícula dos seus fillos no novo IES da localidade para o vindeiro curso escolar 2015-2016. Así llo trasladou hoxe o secretario xeral técnico da Consellería de Cultura e Educación, Jesús Oitavén, aos representantes da Anpa ‘A Galera’, do IES Blanco Amor, nunha xuntanza que tivo lugar esta mesma mañá nas dependencias da Xunta en Santiago.

Segundo as previsións da Consellería, este mesmo mes de marzo o Consello da Xunta aprobará a creación do IES de Culleredo, de modo que os pais e nais dos alumnos poidan formalizar os trámites de matrícula dos seus fillos no novo centro para o próximo curso.

Na reunión, Jesús Oitavén explicoulles aos representantes da Anpa ‘A Galera’ que hai dous CEIPs adscritos ao novo centro de secundaria e confirmou que as obras avanzan a bo ritmo, logo de que se solucionasen as incidencias derivadas da aparición dunha liña de alta tensión non prevista no proxecto.

A Consellería prevé que os traballos estean totalmente rematados en decembro, polo que o alumnado matriculado neste novo centro cursará o 1º trimestre no IES Blanco Amor e incorporarase ao novo instituto á volta das vacacións de Nadal.

Investimento

Cómpre lembrar que o departamento de Cultura e Educación da Xunta está a investir máis de catro millóns de euros na construción do novo IES de Culleredo, que contará con 16 unidades de Educación Secundaria Obrigatoria para 480 alumnas e alumnos. A superficie total construída ascenderá a 4.855,86m², aos que se engadirán 1.188,60m² de pista polideportiva cuberta que, xunto co ximnasio e os vestiarios, terá acceso independente desde a vía pública.

27 de febreiro de 2015 | 13:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.