publicidade hoxe

Economía e Industria mellora a calidade do subministro eléctrico en Vedra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVedra
A-
A+

O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, mantivo hoxe un encontro co alcalde de Vedra, Carlos Martínez Carrillo, e responsables de Gas Natural Fenosa, no que puideron avaliar as actuacións de mellora no subministro eléctrico levadas a cabo no municipio.

Estas obras, que contaron cun investimento de 200.000 euros, beneficiaron ás instalacións de media e baixa tensión do concello. “O obxectivo é potenciar as infraestruturas de subministro eléctrico e mellorar a rede de distribución, especialmente en zonas rurais, contribuíndo ao seu desenvolvemento económico”, explicou Bernardo Tahoces.

Neste sentido, substituíronse varios cables por outros cunha maior capacidade, e instalouse un novo cadro de baixa tensión, ao tempo que se reordenou a rede de baixa tensión contribuíndo á mellora de máis de 170 usuarios das parroquias de Trobe, San Xián de Sales e Bazar.

“Deste xeito seguimos a avanzar na mellora da calidade eléctrica dos nosos municipios, colaborando coas empresas distribuidoras”, explicou o director xeral, quen sinalou que, nos últimos 6 anos, grazas ao Plan de Mellora da Calidade da subministración de enerxía eléctrica a Consellería de Economía e Industria ten beneficiado a 200 concellos cunha poboación superior aos 2 millóns de habitantes, o 71% da poboación galega.

Esta aposta pola mellora do subministro ten contribuído a unha redución de máis do 50% no tempo de interrupción do subministro con respecto ao 2008, así como a unha diminución próxima ao 40% non número de interrupcións. Isto permite que Galicia mellore a medida española en calidade de subministración eléctrica, a pesar das dificultades orográficas e a dispersión da poboación que presenta a Comunidade.

23 de febreiro de 2015 | 16:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.