publicidade hoxe

Diego Calvo visita a praza da travesía Venecia tras a reforma financiada

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA Pobra do Caramiñal
A-
A+

O presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, visitou esta mañá o concello da Pobra para comprobar o resultado das obras cofinanciadas pola institución provincial na travesía da rúa Venecia.

Esta reforma, que custou 219.728,7 euros, permitiu crear unha nova praza que comunique varios equipamentos do entorno como a residencia da terceira idade, o centro de saúde ou o centro de día que o concello prevé inaugurar en breve.

A Deputación da Coruña, con cargo ao DTC93, achegou ata 127.136,22 euros para estas obras, preto do 58% do proxecto, mentres que o resto foi asumido polas arcas municipais. Os traballos, ademais de crear unha nova praza con zonas axardinadas e mobiliario urbano, incluían novas beirarrúas e zonas de aparcamento. Con esta renovación o tráfico rodado circulará por un carril único, o que permite dar prioridade aos peóns. 

O proxecto tamén permitiu corrixir fallos no sistema de recollida e evacuación de pluviais, así como no abastecemento de auga e o alumeado público.

Diego Calvo mostrouse contento dos resultados da reforma que ofrece un novo espazo de lecer para os veciños e veciñas do entorno, gañando ademais en seguridade viaria. “Non falamos de proxectos faraónicos, estamos a falar de pequenos amaños ou actuacións moi necesarias para os veciños, e cando sexa así a Deputación sempre estará disposta a colaborar”, asegurou o titular provincial.

Nova traiñeira para o club de remo

Ademais, o presidente da Deputación, aproveitou a súa visita á Pobra para visitar as instalacións do club de remo do municipio, que vén de adquirir unha nova traiñeira grazas a unha subvención da Deputación da Coruña.

Actualmente o club conta con 60 fichas federativas, pero espera rematar o ano con preto de 80 grazas á campaña de promoción que está levando a cabo.

Neste sentido, Diego Calvo, felicitounos por fomentar o deporte base, nunha modalidade ademais minoritaria. Precisamente na regata de Cabo de Cruz celebrada a pasada fin de semana, este club competiu con tres equipos, entre os que debutou o seu equipo feminino, motivo polo que o titular provincial animou á directiva a seguir traballando neste sentido. “No voso camiño de apoiar o amor polo mar nunha localidade como A Pobra sempre contaredes co apoio da Deputación da Coruña”, insistiu Calvo.

5 de febreiro de 2015 | 17:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.