publicidade hoxe

Cultura destina novos recursos para a posta en valor do conxunto histórico-artístico de Sargadelos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCervoLocal Portada
A-
A+

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia destinará novos recursos para conservar e poñer en valor o Conxunto Histórico-Artístico de Sargadelos. Con este obxectivo, asinará este ano un convenio de colaboración co Concello de Cervo que terá por obxecto contribuír ao funcionamento e conservación da Casa de Administración, así como a realización do proxecto expositivo do Museo Histórico de Sargadelos.

A aprobación deste convenio tivo lugar hoxe no marco da reunión ordinaria do Padroado do Conxunto Histórico-Artístico de Sargadelos, que se celebrou no municipio lucense de Cervo e que estivo presidida polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo. Tamén participaron na reunión o alcalde de Cervo, Alfonso Villares; a xefa territorial de Cultura e Educación en Lugo, Carme Gueimunde; a xefa do servizo de Coordinación de Acción Cultural da Consellería, Yolanda Gómez; e a vicepresidenta segunda da Deputación Provincial de Lugo, Lara Méndez.

A Xunta de Galicia é a única administración que está a realizar investimentos no Conxunto Histórico-Artístico de Sargadelos, co apoio do Concello de Cervo, que acometerá actuacións para o acondicionamento exterior da Casa da Administración, a través de labores de limpeza e mellora dos accesos.

O legado de Sargadelos

A Casa da Administración, convertida no Museo Histórico de Sargadelos, reúne todo tipo de pezas históricas da Real Fábrica de Louza e da actual Fábrica de Cerámica de Sargadelos. O museo tamén ofrece información sobre as distintas etapas históricas da Real Fábrica de Louza, sobre as materias primas e a elaboración das pastas para moldear as pezas, sobre a elaboración das formas e a súa tipoloxía ou sobre as coccións e a decoración das pezas.

O investimento de 30.000 euros que realizará este ano a Xunta de Galicia permitirán avanzar na conservación e posta en valor deste conxunto histórico-artístico, nacido da vontade de Isaac Díaz Pardo e de Luís Seonane de crear un lugar emblemático e pioneiro da creación artística e do rexurdir cultural de Galicia, preto do que foi o antigo complexo das fábricas de siderurxia e cerámica dos séculos XVIII e XIX de Sargadelos creado por Antonio Raimundo Ibáñez.

Un Ben de Interese Cultural

O pasado 22 de xaneiro, a Consellería de Cultura e Educación publicou no Diario Oficial de Galicia a Declaración de Ben de Interese Cultural (BIC), coa categoría de monumento, a Fábrica de Cerámica de Sargadelos ligada ao Laboratorio de Formas, tal como establece o Decreto 171/2014, do 26 de decembro, aprobado polo Consello da Xunta.

Ademais de protexer e conservar este singular proxecto industrial, cultural e de identidade galega, a declaración como BIC contribúe, así mesmo, a poñer en valor e distinguir un conxunto industrial cunha gran significación arquitectónica, artística, científica, técnica e cultural único en Galicia, ao tempo que favorece a súa conservación a través da máxima protección legal.

A delimitación do complexo que establece a declaración como BIC inclúe o edificio circular de Andrés Fernandez-Albalat, a vivenda de Isaac Díaz Pardo, o Auditorio e Departamento de Arte e Comunicación, a Escola de Tecnoloxía e Laboratorios, a marquesiña ondulada de formigón do aparcamento, torres e pasarelas metálicas que comunican os edificios, o zócolo de pedra da ampliación da fábrica cos seus murais e esculturas de Díaz Castro, o depósito de auga-miradoiro, o edificio de tratamento de minerais, dous fornos experimentais e a Pía do Xunco co mosaico de Luís Seoane.

Ademais, a declaración BIC inclúe unha serie de pertenzas, accesorios e bens mobles e documentais vinculados especialmente ao conxunto que quedan tamén baixo protección, como os mosaicos de Luís Seoane no comedor do edificio circular, a escultura de tres caras de Díaz Pardo incrustada no muro da planta baixa da praza circular, a Táboa dos Irmandiños, os mobles deseñados por Díaz Pardo para o devandito edificio e o sistema de sinalización, obra de Isaac Díaz Pardo.

17 de febreiro de 2015 | 17:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.