publicidade hoxe

Cores Tourís supervisa os traballos das comunidades de montes de Cotobade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCotobadePontevedra
A-
A+
Cores Tourís na visita a Cotobade

Cores Tourís na visita a Cotobade

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá as obras executadas por seis comunidades de montes de Cotobade grazas á colaboración económica da Consellería do Medio Rural e do Mar co obxectivo de previr e loitar contra os lumes forestais.

Na visita, Cores Tourís puido comprobar en concreto os traballos realizados pola comunidade de montes de Santa María de Sacos. Na visita estivo acompañado polo alcalde de Cotobade, Jorge Cubela, dos representantes da comunidade de montes, así como do xefe do Servizo de Incendios, Manuel Francisco.

No caso do Concello de Cotobade a Consellería de Medio Rural e Mar aprobou o proxecto de limpeza de monte en rexenerado de pino e roza en 95 hectáreas presentado polas comunidades de montes de Santa María de Sacos, Viascón, Tenorio, Carballedo, Almofrei e Vilanova. Estes traballos contaron cun investimento de 43.123 euros, dos cales a Xunta aportou 37.000 grazas a unha subvención cofinanciada con fondos europeos. “O máis destacable é que as seis comunidades de montes presentaron esta iniciativa de forma agrupada, o que lles permitiu contar con maior puntuación a hora de obter a subvención”, destacou Cores Tourís.

No concello de Cotobade existen 16 comunidades de montes cunha superficie total de 8.242 hectáreas. “En concreto, a de Santa María de Sacos que hoxe visitamos conta cunha superficie clasificada de 1.022,72 hectáreas, actuándose sobre un total de 32. A subvención destinada a esta comunidade de montes foi de 10.600 euros”, engadiu o delegado territorial.

Ademais, a administración autonómica tamén está a levar a cabo, nestes intres, traballos de limpeza do monte comunal da Corredoira en Cotobade, cunha roza de 38,55 hectáreas e un investimento total de 27.234,61 euros.
Cores Tourís tamén destacou que dentro do marco de colaboración da Xunta cos concellos no eido da política de prevención de incendios subscribíronse dous convenios de colaboración con municipio de Cotobade, co obxectivo de levar a cabo tratamentos preventivos en vías e camiños de titularidade local, actuándose sobre 20,25 hectáreas mediante a actuación de brigadas de prevención e defensa de 5 membros, aportando a administración autonómica para este fin un total de 29.860 euros.

“En relación ao distrito forestal de Pontevedra-Caldas-Salnés, o investimento para estes fins chegaron aos 425.000 euros, dos cales 340.000 corresponderon á aportación da Xunta de Galicia”, explicou Cores Tourís. No caso da provincia de Pontevedra, o investimento superou o millón de euros, 802.000 dos cales proceden da colaboración da administración autonómica.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra destacou que a administración autonómica está a traballar para que as comunidades de montes leven a cabo o control selectivo de combustible en devesas, faixas auxiliares de pista, rexenerado forestal así como na roza de penetración, rareo e eliminación de restos, “co fin de reducir a carga de combustible presente no mente e crear zonas de descontinuidade horizontal e vertical, contribuíndo a diminuír o risco de propagación de incendios e minimizar os danos causados por estes sinistros”, explicou Cores Tourís. Tamén facilitará que se constrúan puntos de auga.

Para estes dous fins, a Consellería de Medio Rural e Mar destinará dúas liñas de subvencións cun orzamento global de 8 millóns de euros, fronte aos 3,3 millóns cos que se contou en 2014. “A prevención engloba todas aquelas accións encamiñadas a eliminar ou reducir os riscos que poden ser causa da ocorrencia de incendios forestais e da súa propagación”, engadiu o delegado territorial, quen matizou que “a incentivación, por parte da Xunta, na colaboración dos titulares de montes veciñais en man común na realización de traballos de silvicultura preventiva, contribuirá a minorar as consecuencias e os impactos negativos que os incendios forestais poden provocar sobre a capacidade potencial de desenvolvemento e produción destes montes, así como a fauna e o medio ambiente en xeral”.

Como novidade, este ano abriuse a liña de subvención para tratamentos silvícolas en masas de frondosas caducifolias, sobreiras e aciñeiras, así como para selección de abrochos en rexenerado de eucalipto e a eliminación de acacias.

Puidéronse acoller a estas axudas os montes veciñais en man común da Comunidade Autónoma de Galicia, excepto os consorciados coa administración que puideron facelo, eso sí, sobre a superficie non consorciada. A superficie forestal mínima por expediente é de 100 hectáreas.

O ano pasado, investiuse na provincia de Pontevedra un millón de euros en 110 actuacións destinadas a previr e loitar contra o lume, sufragando o 80% a administración autonómica. En total executáronse 17 pozos de auga e actuouse sobre 1.825 hectáreas para tarefas de limpeza e roza.

José Manuel Cores Tourís aproveitou esta visita para facer un chamamento á implicación da cidadanía. “Aínda que estamos en temporada baixa de risco de incendios, está claro que as imprudencias e a gañas de facer dano tamén existen, polo que pedimos a implicación da cidadanía solicitándolle que extremen calquera acción que desenvolvan no monte en calquera época do ano. Entre todos temos que coidar dos nosos montes”, rematou o delegado territorial.

23 de febreiro de 2015 | 16:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.