publicidade hoxe

Cores Tourís comprobou a iluminación na estrada PO-241 ao seu paso pola Lama

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LamaPontevedra
A-
A+
Cores Tourís na visita ao Concello da Lama

Cores Tourís na visita ao Concello da Lama

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o concello da Lama para comprobar a instalación de novas luminarias na estrada PO-241, ao seu paso polo núcleo urbano da localidade, en compaña do alcalde do municipio, Jorge Canda.

Na visita, José Manuel Cores Tourís, estivo acompañado do xefe territorial de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, José Luis Díez, así como do Xefe do Servizo da Axencia Galega de Infraestruturas de Pontevedra, Fausto Núñez.

Esta obra, executada ao longo de medio quilómetro, supuxo a substitución das antigas farolas existentes en dito tramo da estrada PO-241 por unha luminarias de menor consumo e maior eficiencia enerxética. Deste xeito, instaláronse 8 báculos galvanizados de 9 metros con luminaria de 100 W-150 sodio, ademais de bulóns de ancoraxe e dados de formigón. Tamén se colocou cableado subterráneo ao longo de 225 metros así como cable de toma de terra na mesma lonxitude. En total, o investimento foi de case 8.000 euros.

“A instalación destes farois permitirá mellorar a seguridade viaria desta estrada tanto para os vehículos coma para os peóns. Ademais, tamén facilitará unha maior eficiencia enerxética e un aforro para o municipio”, matizou Cores Tourís.

Pola súa banda, Jorge Canda agradeceu a colaboración inversora da Xunta de Galicia no municipio e, en especial, en actuacións como a presente, dirixidas a mellorar a seguridade viaria e o aforro enerxético.

Finalmente, o delegado territorial recordou que a reforma deste treito de estrada entre A Lama e Ponte Caldelas foi executado na presente lexislatura pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas que investiu na mesma 12 millóns de euros, sumando tanto os traballos do propio proxecto como as expropiacións, a execución dos servizos e a construción de beirarrúas.

José Manuel Cores Tourís recordou a importancia desta estrada que da servizo a máis de 10.000 habitantes entre os dous municipios, así como tamén aos traballadores e familiares de internos do centro penitenciario de A Lama. “O interese da Xunta segue a ser a vertebración do interior da provincia de Pontevedra e a execución de obras e iniciativas que permitan fixar a poboación do rural”, engadiu.

12 de febreiro de 2015 | 17:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.