publicidade hoxe

Convócanse 25 novos permisos de explotación para marisqueo a pé na confraría de Vilanova de Arousa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVilanova de Arousa
A-
A+

A Consellería do Medio Rural e do Mar convoca 25 novos permisos de explotación para marisqueo a pé na confraría de pescadores de Vilanova de Arousa (Pontevedra). Estas novas incorporacións son unha mostra máis da aposta da Xunta pola xeración de actividade e o incremento dos postos de traballo para a incorporación de xente nova ao marisqueo, especialmente no contexto económico actual.

Para poder optar aos permisos de explotación, os solicitantes deben cumprir, entre outros, os requisitos esixidos no Decreto 425/1993, do 17 de decembro, polo que se regulan os permisos de explotación para exercer a actividade pesqueira e marisqueira e presentar a documentación requirida pola Consellería do Medio Rural e do Mar. Poderán consultar a convocatoria na páxina web da Consellería no seguinte enlace.

O prazo de presentación de solicitudes é de 15 días hábiles dende mañá, tras a publicación desta convocatoria no taboleiro de anuncios da Xefatura Territorial e na páxina web da Consellería. As solicitudes deberán presentaranse nas oficinas de rexistro da Xunta de Galicia, oficinas de correos ou no resto de lugares indicados na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Unha vez rematado o prazo de solicitude, a Consellería do Medio Rural e do Mar procederá á súa valoración. As solicitudes serán estudadas e baremadas, segundo recolle a Resolución do 12 de novembro de 2013 da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro pola que se aproba o baremo para obter o permiso de explotación para o marisqueo a pé. Este baremo é común a todas as confrarías e foi publicado no Diario Oficial de Galicia do 21 de novembro de 2013.

Cabe lembrar que todas as prazas se convocan despois de comprobar a súa viabilidade nos informes técnicos e sempre tendo en conta a compatibilidade e sustentabilidade dos recursos e criterios socieconómicos.

11 de febreiro de 2015 | 12:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.