publicidade hoxe

Conde sinala a Pescados Rubén como exemplo de innovación para mellorar a competitividade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFoz
A-
A+

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, sinalou hoxe a empresa Pescados Rubén como exemplo de como a innovación fai máis competitivas as empresas dos sectores tradicionais da economía galega. Conde, que visitou as instalacións da compañía en Foz, destacou a constante mellora dos procesos e produtos de Pescados Rubén, que levou á empresa a desenvolver un proxecto innovador no marco do programa Conecta Pemes que impulsa a Consellería, xunto con outras dúas empresas e a colaboración da Universidade de Vigo e Anfaco-Cecopesca.

A iniciativa na que está a participar a compañía, que mobilizará máis de 700.000 euros entre investimentos públicos e privados, permitirá mellorar a eficiencia enerxética no almacenamento e transporte do pescado refrixerado e conxelado, conseguindo grazas á cooperación entre empresas e centros de investigación importantes beneficios non só económicos senón tamén ambientais.

Na súa visita Francisco Conde destacou o carácter familiar de Pescados Rubén, unha empresa con máis de 40 anos de traxectoria que ten sabido medrar e crear emprego apostando pola innovación e a internacionalización, dous dos eixos nos que se asenta o traballo da Consellería de Economía e Industria e nos que a compañía, que exporta un 95% da súa produción de produto conxelado, ten contado co apoio da Xunta.

O programa Conecta Pemes, no que participa Pescados Rubén, enmárcase na Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3), coa que se mobilizarán en Galicia máis de 1.600 millóns de euros ata o ano 2020 en iniciativas innovadoras, e na que a industria pesqueira está moi presente, e permite camiñar cara a Fábrica Intelixente e a Industria 4.0 que impulsa a Xunta, cun sistema de xestión baseado nas TIC.

23 de febreiro de 2015 | 16:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.