publicidade hoxe

Centos de persoas abarrotarán Abegondo na XVI Feira do Queixo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAbegondoCalendario
A-
A+

A Feira do Queixo de Abegondo é unha das feiras máis tradicionais e concorridas do ano no municipio. Este domingo, día 8 de febreiro, chega á súa XVI edición e o Concello de Abegondo prevé a asistencia de centos de veciños do municipio e arredores ao campo da feira, en San Marcos. O público asistente poderá degustar gratuitamente cada un dos queixos artesanais elaborados con leite cru de vaca que se presentan ao concurso.

Serán os propios cidadáns quen cun voto deciden que produtores son os merecedores da distinción do mellor queixo semicurado. Ningún dos queixeiros e queixeiras que venden os produtos na feira elaboran o produto con leite de vaca pasteurizada. A produción é 100% artesanal ao modo do queixo tradicional de Arzúa, cumprindo todos os produtores as medidas hixiénicas e do máximo control sanitario. Ademais a feira contará nesta ocasión con outros participantes doutras variedades de queixo e doutros produtos.

Os asistentes poderán mercar queixo parmesano, queixo do Alpes, embutido, anchoas de Santoña, mel ou marmelada natural. Desde hai anos colabora co Concello a Asociación de Produtores Queixeiros de Abegondo e bisbarra (hai tamén queixeiros de Carral, Oza, Cesuras, Mesía…), que puxo en marcha un programa consistente na creación de estándares na forma e etiquetaxe do produto.

O alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso, destaca que a feira ofrece a oportunidade de levarse á casa un “produto artesán de máxima calidade”. O rexedor resalta o “esmero e celo” que os produtores poñen sempre na elaboración dos queixos, e sabendo que a feira se converte nun dos seus principais escaparates. A degustación comezará ás 12.00 horas e a entrega de premios será ás 13.30 horas. Tamén está prevista unha actuación a cargo de alumnos e alumnas da Escola de Música de Abegondo.

6 de febreiro de 2015 | 20:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.