publicidade hoxe

Cedeira programa esta fin de semana no Auditorio a última obra de Ilmaquinario Teatro e un espectáculo de pompas xigantes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCedeira
A-
A+

O Concello de Cedeira, a través da Concellería de Cultura, propón un fin de semana de teatro e espectáculo de pompas xigantes. Ambas propostas desenvolveránse no Auditorio Municipal de Cedeira. A primera, este sábado, 28 de febreiro, a partires das oito da tarde. A compañía Ilmaquinario Teatro traerá ao Auditorio o seu novo espectáculo, titulado “Perplexo”. As entradas, a 2,5 euros. Dirixido por Tito Asorey e interpretado por Melania Cruz, Fernando González, Fran Lareu e Laura Míguez, “Perplexo” é un espectáculo que fala de modo extremadamente cómico de temas esenciais para o ser humano. E faino nun xogo teatral no que se dan cita referentes como Pirandello, Woody Allen, Beckett, Ionesco, e ata os Monty Python.

Un espectáculo no que os catro actores sacan o mellor de si mesmos para habitar un montaxe que xoga co teatro dentro do teatro, facendo del unha metáfora total do mundo cambiante, en constante transformación, no que en todo momento é necesario estar preparados para asumir distintos roles, quéirase ou non, para facer fronte ao vértigo do día a día.

O domingo, a partires das 18,30 horas, o público poderá desfrutar de “Pompería, o marabilloso Reino das Burbullas”. O novo espectáculo da compañía Pomper, renovado, máis máxico e con impresionantes trucos e mellores efectos especiais. Trátase dun show fascinante, de maxia con burbullas de xabrón xigantes, que deixará asombrados e marabillados a públicos de todas as idades.

O Mago Pomper e a Princesa Pomperela son os seus protagonistas, e amosarán un amplo repertorio de pompas de xabrón, dende as máis pequenas ata aquelas de varios metros de lonxitude. Pompas dentro de pompas, multipompas, figuras xeométricas, pompas de cores, trucos con fume, coas mans, xoias de xabrón, ráfagas, pompas concéntricas, burbullas que levitan, choiva e neve de espuma, aneis de fume… farán as delicias do público asistente. Ao longo do espectáculo, os protagonistas tamén interactúan co público e invitarán aos nenos a disfrutar da sensación de estar dentro dunha enorme burbulla. As entradas, a catro euros.

25 de febreiro de 2015 | 10:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.