publicidade hoxe

Cedeira abre ao tráfico a rúa Deportes tras as obras de mellora do vial

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCedeira
A-
A+

Un mes despois do inicio das obras de mellora e acondicionamento que levou a cabo o Concello, o alcalde, Luis Rubido, anunciou a reapertura ao tráfico da rúa Deportes. Trátase da principal arteria de comunicación do pavillón municipal polideportivo e unha vía moi concorrida en pleno centro urbano, xa que comunica tamén directamente co instituto do municipio, o campo de fútbol ou a estación de autobuses. Precisamente, ese uso asociado ao paso do tempo motivou o deterioro progresivo que agora se atallou.

Así, o Concello destinou algo máis de 41.000 euros procedentes do programa DTC da Deputación provincial da Coruña ao seu acondicionamento co ánimo tamén de mellorar a súa accesibilidade, facilitando o seu uso con todas as garantías a persoas con mobilidade reducida. O concelleiro de Obras, Alfredo Vilela, apuntou que os traballos contemplaron a pavimentación da capa de rodadura da calzada e a execución de novos bordillos e beirarrúas cos correspondentes pavimentos táctiles e de cor nos vados peatonais. Así mesmo, completouse coa instalación de pasos peatonais elevados, que actuarán como reductores de velocidade.

Doutra banda, aínda que no mesmo entorno, cabe lembrar que o Concello tamén levará a cabo a urbanización dunha nova rúa contigua á rúa Deportes. Neste caso, a actuación financiaráse a través dun convenio de colaboración por valor de 52.000 euros suscrito entre o alcalde e o presidente da Deputación, Diego Calvo, e permitirá mellorar a mobilidade na zona e sumar ata cincuenta prazas de estacionamento. Precisamente, o punto de inicio do novo vial será a rúa Deportes, e prolongaráse ata o peche actual que delimita cunha parcela privada ao noroeste.

23 de febreiro de 2015 | 13:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.