publicidade hoxe

As obras da nova potabilizadora en Taboada comezarán este verán e suporán un investimento de 500.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugoTaboada
A-
A+

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, anunciou esta mañá que o seu departamento poderá comezar as obras de mellora do sistema de abastecemento en Taboada este verán, cun investimento de máis de 500.000 euros.

Apenas 20 días despois de que o Consello da Xunta de Galicia aprobase a colaboración técnico-financeira da Xunta de Galicia co Concello de Taboada para a execución dunha estación de tratamento de auga potable (ETAP) neste municipio lucense, o Diario Oficial de Galicia oficializa o comezo da actuación coa publicación, hoxe, da licitación da obra cun prazo de execución de seis meses.

Esta obra hidráulica, segundo salientou hoxe a conselleira Ethel Vázquez, tras reunirse co alcalde Ramiro Moure, mellorará a calidade da auga e completará o subministro do que se abastecen os habitantes do concello de Taboada, cunha poboación de 3.100 veciños.

Na actualidade o abastecemento de Taboada realízase mediante unha captación de auga do río Moreda, estanse tratando 12 l/s e coas obras proxectadas preténdese obter caudal para tratar ata os 25 l/s, co que se logra caudal suficiente para as épocas de estiaxe e completar a subministración ao polígono industrial.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través de Augas de Galicia, financia este proxecto hidráulico, que prevé a construción dunha nova ETAP a partir das instalacións existentes na actualidade.

Segundo destacou a conselleira, con esta estación potabilizadora, reafirmamos o compromiso da Xunta con este concello “garantindo o abastecemento de auga potable en cantidade e calidade aos habitantes do municipio e deixando cubertas futuras necesidades que se poidan derivar do asentamento de novas industrias”.

A Xunta, mediante a colaboración cos concellos neste tipo de actuacións, pretende garantir o abastecemento e regulación dos recursos hídricos en calidade e cantidade, e velar así mesmo, polo seu consumo responsable e fomentar o seu aforro.

Detalles da actuación

Está previsto executar un novo edificio para albergar as instalacións do sistema de maquinaria e reactivos de potabilización da ETAP. Soterrado baixo este executarase un depósito intermedio onde se verterán por gravidade as augas despois do proceso de filtración. Un equipo de dúas bombas impulsará a auga tratada ao depósito existente para a súa almacenaxe e cloración.

Acaroado ao depósito existente e nas inmediacións do edificio da ETAP, construirase un pequeno edificio no cal se aloxará un equipo de análise e medición en continuo de nivel do cloro da auga do depósito, así como unha bomba dosificadora e un depósito. Este equipamento substitúe o existente na cámara de chaves que está afectado pola corrosión.

Finalmente, a parcela pecharase en parte, delimitando a zona de potabilización, para evitar o paso a estraños ou animais ás zonas abertas nos depósitos. O peche realizarase con malla de tela metálica plastificada, de 1,50 metros montada sobre un muro de bloque. Acondicionaranse os accesos e dotarase con iluminación exterior.

25 de febreiro de 2015 | 16:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.