publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Arquívanse as dilixencias contra o rexedor de Vimianzo por unha denuncia dos promotores dunha moción de censura

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPortada esquerdaVimianzo
A-
A+
Europa Press

O Xulgado de Corcubión arquivou as dilixencias abertas contra o alcalde de Vimianzo, Manuel Antelo (BNG), que abrira por unha denuncia dos concelleiros promotores da moción de censura coa que pretendían desaloxalo da Alcaldía.

No seu día, Antelo xa recibira o apoio da dirección do BNG, que ten por norma a dimisión de todos os seus imputados en casos de corrupción. Non obstante, os nacionalistas defenderon que este caso non se correspondía con esa situación de corrupción e recordaron que naceu a raíz dunha denuncia dos censores, que non conseguiran que prosperase a iniciativa de sacar ao rexedor do Bloque.

Non obstante, a causa segue aberta para confirmar ou descartar a existencia de revelación de segredos en canto ás comunicacións remitidas polo PSOE aos seus militantes José Manuel Rodríguez Blanco e Montserrat Vázquez Miñones, que foron expulsados. A moción foi presentada tamén polos independentes e concelleiros do PP.

O xuíz instrutor de Corcubión sinala que as dilixencias efectuadas ata agora “non permiten ter por indiciariamente xustificada a autoría” dese suposto delito por “ningunha persoa concreta”, pero apunta que antes de arquivar definitivamente as actuacións, “deben esgotarse as posibilidades de investigación para tal efecto”.

Para iso, cita para unha declaración testifical un funcionario do rexistro municipal o próximo 19 de marzo, ás 11,00 horas, nos xulgados de Corcubión.

DENUNCIA

O xulgado de Instrución número 1 de Corcubión chamara a declarar en calidade de imputado, e en proceso de dilixencias previas, ao alcalde de Vimianzo no marco dunha denuncia presentada polos promotores dunha moción de censura que se frustrou. Concretamente, asinaron a denuncia Mónica Rodríguez Ordóñez, Montserrat Vázquez Miñones, Ramón Santos Vázquez, María del Carmen Hermida Tomé, Manuel Soto Pérez, José Manuel Rodríguez Blanco e Juan Carlos Amado Sambade.

O motivo da denuncia foi a xestión que realizou o alcalde no momento da presentación da moción de censura contra el, en 2013. Entón, presentáronse -por parte dos independentes, PP e dous edís o PSOE- dúas mocións de censura, unha delas un sábado e a outra o mércores seguinte, pero ambas as dúas non chegaron a efectivizarse.

Así, a moción presentada o sábado frustrouse por defectos na súa tramitación e, en xeral as dúas, pola expulsión dos edís socialistas adquirindo a condición de tránsfugas. Os denunciantes recorren agora a tramitación da primeira delas.

Non obstante, o alcalde argumenta que a súa “non participación” na tramitación da moción está avalada pola sentenza do contencioso-administrativo número 4 da Coruña, en que os censores perderon o recurso a esta moción, que agora elevan á vía penal.

NON XUSTIFICADA

No auto, con data do 20 de febreiro, o xuíz sinala que non consta debidamente xustificada a existencia dunha actuación planificada”, desenvolvida polo alcalde, e “dirixida a atrasar deliberadamente e non tramitar a moción de censura” presentada polos denunciantes.

Ademais, o instrutor tamén sinala que “non se entende xustificada a existencia dunha confabulación para frustrar a tramitación da moción”, e apunta que, á marxe diso, a secretaria se encontraba de “baixa laboral”.

Así as cousas, decretouse o sobresemento provisional ao “non existir indicios racionais da comisión dos delitos de prevaricación e/ou vulneración de dereitos fundamentais”.

“CONFIRMADO” QUE SE ACTUOU DE FORMA CORRECTA

Con esta resolución, o rexedor ve “confirmada” a “corrección” das actuacións políticas e a dos traballadores municipais na tramitación da moción de censura. Así mesmo, tamén considera que o sobresemento das dilixencias “ratifica o carácter político” da denuncia presentada.

“Esta denuncia unicamente supuxo máis tensión, confrontación política e desasosego social xunto cunha mala imaxe para o concello”, manifestou Antelo, quen considera “responsables de danar a imaxe a aqueles que, traizoando a vontade popular, pretenderon derrocar ao alcalde facendo uso do transfuguismo”.

Neste contexto, o rexedor de Vimianzo reclama aos censores que “piden desculpas” aos cidadáns “por todo o dano causado”, ao tempo que se dirixe ao presidente da Xunta e do PP para considerar que debería “destituír os representantes do seu partido que pretendían volver ao sistema político da corrupción, que supoñía o proxecto dos censores”.

23 de febreiro de 2015 | 16:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.