publicidade hoxe

Aranga, Irixoa, Monfero e Vilarmaior trasladan á Xunta o proxecto para a realización conxunta dun obradoiro de emprego

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaArangaIrixoaLocal PortadaMonferoVilarmaior
A-
A+
Belén do Campo na reunión cos alcaldes de Aranga e Vilarmaior

Belén do Campo na reunión cos alcaldes de Aranga e Vilarmaior

A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, mantivo esta mañá un encontro de traballo cos alcaldes de Aranga, Alberto Platas, e de Vilarmaior, Carlos Vázquez, para coñecer de primeira man o proxecto de creación dun obradoiro de emprego, que solicitarán agrupados tamén cos concellos de Irixoa e Monfero.

A convocatoria da Consellería de Traballo e Benestar para a realización desta actividade mantén aberto o prazo de presentación de ofertas ata o vindeiro día 14. Do Campo, pola súa parte, amosou a súa satisfacción pola iniciativa destes municipios, xa que, segundo indicou, ten como obxectivos, por unha banda, mellorar a empregabilidade dos traballadores que toman parte no obradoiro, ofrecéndolles unha formación para o emprego teórico práctica de calidade, da man dos especialistas que as imparten.

Así mesmo, a posta en marcha deste proxecto permite a realización de actuacións de mellora das dotacións públicas ou de uso público no ámbito local, que repercuten na mellora da calidade de vida e dos servizos para toda a sociedade. Finalmente, o terceiro aspecto importante que rodea este programa é a colaboración institucional entre a Xunta de Galicia e as entidades locais responsables de promover estas iniciativas.

De resultar beneficiarios deste programa mixto de formación e emprego, os participantes destes catro concellos contarán cun contrato e cun salario combinado con formación específica durante 6 meses. Poderán participar nos obradoiros de emprego as persoas desempregadas inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia, que teñan unha idade igual ou superior a 18 anos.

O departamento autonómico destinará a este programa 10,2 millóns de euros e beneficiará a uns 1.300 desempregados. A inversión ten carácter bianual, destinándose 7,7 millóns para 2015 e 2,5 millóns para 2016.

Como novidades para 2015, cómpre resaltar as seguintes: cando haxa candidatos que o fagan posible, un 20% dos participantes deberán ser beneficiarios da RISGA e primaranse aqueles proxectos relacionados coa rehabilitación e posta en valor de fachadas e edificios de carácter público e/ou social e de espazos medioambientais (eliminación do feísmo). Así mesmo, os proxectos poden ser promovidos por entidades locais ou entidades públicas dependentes ou vinculadas a unha administración local e por consorcios locais.

13 de febreiro de 2015 | 16:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.