publicidade hoxe

A Xunta recolle as impresións das administracións competentes sobre o Plan de Conservación do Monumento Natural

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugoRibadeo
A-
A+
Nava Castro á chegada á reunión

Nava Castro á chegada á reunión

A directora xeral de Conservación, Verónica Tellado, xunto coa delegada territorial de Xunta en Lugo, Raquel Arias, e a directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro, mantivo unha reunión co o subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo; o vicepresidente da Deputación, Antón Veiga; e o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, co fin de recoller as impresións sobre o Plan de Conservación do Monumento Natural das Catedrais, de cara a súa integración no texto final.

Dado que o 6 de marzo remata o prazo de exposición pública e audiencia do Plan de Conservación das Catedrais, que establece unha regulación do uso público ao obxecto de garantir a conservación do espazo, que é un dos máis visitados de Galicia, a Xunta convocou unha xuntanza con todas as administracións implicadas e interesadas na consecución deste obxectivo, que non é outro que a conservación e protección deste entorno, declarado monumento natural en 2005.

A Xunta agarda que todos, tanto as institucións como os colectivos e asociacións veciñais, coas que tamén se entrevistaron as representantes da administración autonómica, sumen esforzos para acadar o obxectivo común de preservar un espazo único, mostra excepcional de incalculable valor e que, segundo recalcaron, todos temos a responsabilidade e o deber de conservar.

A directora xeral de Conservación da Natureza informou sobre as alegacións recibidas co fin de acadar un consenso para a súa incorporación á redacción final do plan de protección. Informou tamén dos seguintes pasos na tramitación.

Neste contexto, e pensando xa no vindeiro período de Semana Santa 2015, a dirección xeral, como xa fixo en 2014, ten previsto unha serie de actuacións encamiñadas a protexer este espazo para as que busca a conformidade de todas as administracións competentes.

Así, en liñas xerais, tratarase de previr calquera risco para o medio ou para as persoas e de facilitar un goce axeitado aos visitantes. Con este fin reforzarase a información a través de guías especializados, no propio enclave e nas alternativas turísticas da contorna, e incrementarase tamén a vixilancia para evitar actuacións que degraden o medio.

Así mesmo a directora da Axencia de Turismo de Galicia informou sobre as liñas a desenvolver en materia de turismo ao efecto de reforzar o enorme potencial turístico do monumento e da comarca, para que a ordenación do espazo leve aparellada unha proposta detallada que redunde na economía local, como o tiñan solicitado as asociacións na primeira exposición pública do documento.

26 de febreiro de 2015 | 18:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.