publicidade hoxe

A Xunta investirá máis de 180.000 euros na mellora dos camiños rurais de Rois

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaRois
A-
A+
Belén do Campo en Rois

Belén do Campo en Rois

A delegada territorial da Xunta, Belén do Campo, visitou esta mañá Rois para analizar xunto co alcalde, Ramón Tojo, o proxecto de acondicionamento de varios camiños rurais deste municipio, ao abeiro dos fondos do Plan marco de mellora de camiños correspondente ao exercicio 2014-2015, que este ano estará cofinanciado pola Consellería do Medio Rural e a Deputación da Coruña. Así, o concello disporá dunha achega de 115.694 euros para levar a cabo estas actuacións nos vindeiros meses, o que supón un incremento de ata o 79% respecto á convocatoria anterior.

Segundo lle trasladou o rexedor a Do Campo, en breve comezarán as obras para mellorar a estrada desde Lamego ata a vía de enlace da N-550 á AC-301. As actuacións consistirán na limpeza das cunetas, no acondicionamento do pavimento, o pintado de bandas laterais, o levantamento de trece tapas e arquetas ata a cota actual e a escavación dunha gabia para colocar 50 metros de tubaxe de PVC. En total, traballarase sobre preto de 2,5 quilómetros de vía municipal.

A máxima representante do Goberno galego na provincia aproveitou a súa estancia no municipio para supervisar tamén o resultado dos traballos levados a cabo a través deste plan no período 2013-2014, cando o concello recibiu outra achega de 64.586 euros. Nese caso, realizáronse labores de mantemento sobre a pista que vai dende o límite Brión-Siaxe e as parroquias de Ribaser e Sorribas. Esta pista ten unha lonxitude de 2,55 quilómetros e nela acometeuse o acondicionamento da capa de rodadura.

Segundo coincidiron Do Campo e Tojo, o obxectivo fundamental destes fondos é o de levar a cabo actuacións que favorezan o desenvolvemento rural e o asentamento da poboación neste entorno. Segundo salientou a delegada territorial, “con estas iniciativas búscase facilitar os desprazamentos da poboación, co fin de dignificar e mellorar a calidade de vida das persoas que residen nestas zonas e contribuír a arranxar as deficiencias que persisten en determinadas áreas rurais”.

A máxima representante do Goberno galego na provincia tamén subliñou que se trata de medidas que se levan a cabo nun marco de cooperación e entendemento entre a propia Xunta e os concellos, neste caso o de Val do Dubra. Neste senso, mostrouse disposta a seguir estreitando a colaboración institucional “co obxectivo de seguir mellorando os servizos que se ofrecen aos cidadáns e a resposta ás súas necesidades”. Para iso, a delegada territorial reiteroulle á primeira edil “todo o diálogo e apoio para buscar de xeito coordinado solucións ás demandas dos veciños”.

24 de febreiro de 2015 | 17:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.