publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta investirá 189.000 euros na mellora dos camiños rurais de Val do Dubra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaVal do Dubra
A-
A+
Belén do Campo en Val do Dubra

Belén do Campo en Val do Dubra

A delegada territorial da Xunta, Belén do Campo, visitou esta mañá Val do Dubra para analizar xunto co alcalde, Ramón Varela, o proxecto de acondicionamento de varios camiños rurais deste municipio, ao abeiro dos fondos do Plan marco de mellora de camiños correspondente ao exercicio 2014-2015, que este ano estará cofinanciado pola Consellería do Medio Rural e a Deputación da Coruña. Así, o concello disporá dunha achega de 119.844 euros para levar a cabo estas actuacións nos vindeiros meses, o que supón un incremento de ata o 73% respecto á convocatoria anterior.

Segundo lle trasladou o rexedor a Do Campo, en breve comezarán as obras para mellorar seis pistas municipais que unen a estrada do Bravo e A Maceira, Vilalba e Pedra Pichela, Pedra Pichela e Leirón, Paiares e a estrada de Bascuas a Vilalba, o acceso a Cabada e o lugar da Algaria. As actuacións consistirán na mellora da capa de rodadura, co arranxo de fochas, apertura de gabias, tratamento asfáltico superficial e limpeza e perfilado de noiros e cunetas. En total, traballarase sobre preto de tres quilómetros de vías.

A máxima representante do Goberno galego na provincia aproveitou a súa estancia no municipio para supervisar tamén o resultado dos traballos levados a cabo a través deste plan no período 2013-2014, cando o concello recibiu outra achega de 69.310 euros. Nese caso, realizáronse labores de mantemento sobre outros tres quilómetros de pistas, localizadas nos lugares de Buxán-Reboredo, O Casal, Riba de Agueiros, Piñoi, Rial, Valiñas e A Rocha de Enriba.

Segundo coincidiron Do Campo e Varela, o obxectivo fundamental destes fondos é o de levar a cabo actuacións que favorezan o desenvolvemento rural e o asentamento da poboación neste entorno. Segundo salientou a delegada territorial, “con estas iniciativas búscase facilitar os desprazamentos da poboación, co fin de dignificar e mellorar a calidade de vida das persoas que residen nestas zonas e contribuír a arranxar as deficiencias que persisten en determinadas áreas rurais”.

Fonte de riqueza e traballo para os mozos e mozas

Na mesma liña, o rexedor tamén se interesou por outras medidas que ten articuladas a Xunta para fixar poboación no eido rural, como son as subvencións destinadas ao asesoramento, xestión e substitucións de explotacións agrarias, aquelas dirixidas ao investimento, transformación e comercialización de produtos agrarios e forestais ou á incorporación de mozos á actividade agraria. Neste senso, os responsables autonómica e local destacaron a necesidade de renovación constante para adaptarse ás demandas do sector, así como a necesidade de promover o medio rural como unha fonte de riqueza e traballo para as mozas e mozos da nosa Comunidade.

Do Campo tamén subliñou que se trata de medidas que se levan a cabo nun marco de cooperación e entendemento entre a propia Xunta e os concellos, neste caso o de Val do Dubra. Neste senso, mostrouse disposta a seguir estreitando a colaboración institucional “co obxectivo de seguir mellorando os servizos que se ofrecen aos cidadáns e a resposta ás súas necesidades”. Para iso, a delegada territorial reiteroulle ao primeiro edil “todo o diálogo e apoio para buscar de xeito coordinado solucións ás demandas dos veciños”.

11 de febreiro de 2015 | 12:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.