publicidade hoxe

A Xunta destinou 170.000 euros ao funcionamento do CIM de Moaña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMoaña
A-
A+

A secretaría xeral da Igualdade, Susana López Abella, visitou esta mañá o Centro de Información á Muller de Moaña, acompañada do alcalde da localidade, José Fervenza. López Abella manifestou o apoio do Goberno galego a estes centros, que ano tras ano reciben unha parte moi importante da orde de axudas e subvencións a entidades locais para a promoción da igualdade.

En 2014 as axudas achegaron 3,4 millóns de euros a programas de promoción da igualdade, prevención e tratamento integral da violencia de xénero, fomento da conciliación e apoio aos CIMs, dos que se beneficiaron máis de 200 concellos galegos.

Un destes concellos é Moaña, que os últimos seis anos recibiu 167.000 euros para o funcionamento do CIM, sendo 2014 o que contou cunha achega maior, de máis de 44.000 euros. O Centro conta con dúas traballadoras, unha asesora xurídica e outra psicolóxica, e atendeu a 305 persoas e 1.014 consultas durante o ano pasado.

Ademais, o Concello está adherido á Rede de Entidades Locais contra a Violencia de Xénero, unha rede encargada de promover e apoiar proxectos de prevención da violencia de xénero e detención precoz de situacións de risco, mobilizando e implicando a toda a sociedade fronte o maltrato e xeneralizando a tolerancia cero contra as persoas agresoras.

Dentro das actividades ofertadas pola Rede, o CIM de Moaña levou a cabo un obradoiro de terapia ocupacional con menores expostos a situacións de violencia de xénero a través das artes plásticas e participou na exposición “Cartas de Amor”, que aglutina ilustracións de diversos artistas sobre a violencia de xénero e a mocidade.

25 de febreiro de 2015 | 16:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.