publicidade hoxe

A Xunta cede nove masas comúns da parcelaria de Maceda-Orois ao concello de Melide

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal PortadaMelide
A-
A+

A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, visitou esta mañá o municipio de Melide, onde analizou coa alcaldesa, Ángeles Vázquez, o avance do proceso de concentración parcelaria das parroquias de Maceda-Orois que está a desenvolver a Consellería de Medio Rural e do Mar. Neste senso, Do Campo trasladoulle á rexedora a cesión ao concello de nove masas comúns compostas por 26 predios, que lle permitirán dotar a estes lugares de diversos servizos co fin de incrementar o benestar e mellorar a calidade de vida dos seus habitantes.

Do Campo aproveitou para desprazarse a esta zona de actuación, onde estivo acompañada pola primeira edil e representantes dos veciños e das explotacións gandeiras. Alí explicou que, a proposta do goberno local de Melide, as masas comúns resultantes do proceso destinaranse a habilitar un cargadeiro de madeira, un estacionamento de vehículos e maquinaria pesada, á ampliación do cemiterio e á captación de auga en cisternas. Do mesmo xeito, nesta área o concello tamén ten previsto acondicionar unha área de lecer, un campo de fútbol, un punto limpo e un campo da festa.

Desta forma, dáse un paso máis na tramitación da parcelaria, que entra na súa recta final, á espera da entrega dos títulos da propiedade, que se producirá nas vindeiras semanas. Culminarase así un proceso iniciado no ano 1997 e no que o departamento autonómico investiu máis de dous millóns de euros para a asistencia técnica e a realización das obras pertinentes nunha superficie a concentrar de 1.087 hectáreas.

O proxecto permitirá aos 436 propietarios da zona reducir o número de parcelas desde as 2.636 iniciais ás 1.004 fincas resultantes e alcanzar unha superficie media de 1,08 hectáreas. Algo máis da metade da superficie total concentrada destinarase a aproveitamento de tipo forestal, mentres que a restante, a agrario e gandeiro.

Mellor capacidade de aproveitamento da terra

A regularización e ordenamento do novo deseño das fincas permitirá acadar unha mellor capacidade de aproveitamento da terra e suporá un mecanismo dinamizador para a economía local. Segundo destacou a máxima representante do Goberno galego na provincia, a concentración parcelaria posibilita a mellora e modernización das técnicas de produción agraria co emprego de maquinaria agrícola, facilita a prevención dos incendios forestais, aumenta o valor das terras en cultivo e pon en uso outras abandonadas. Ademais destas vantaxes, elévase a calidade de vida do agricultor, actualízase a documentación de titularidade dos propietarios das fincas e foméntase a recuperación de áreas recreativas no concello.

Os traballos incluídos neste proxecto denominado Maceda-Orois consistiron, por unha banda, na realización dos servizos técnicos para investigación da propiedade, levantamentos topográficos e confección de planos parcelarios, clasificación de terras e acondicionamento de fincas e, por outra, no deseño e creación dunha rede axeitada de camiños principais e secundarios que permiten o acceso ás novas fincas e o tránsito das máquinas agrícolas. Neste caso, a rede de camiños acondicionados aproxímase aos 60 quilómetros de lonxitude.

12 de febreiro de 2015 | 17:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.