publicidade hoxe

A Xunta adoptará no verán diversas accións para protexer o illote de Areoso

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Illa de ArousaLocal Portada
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas adoptará no vindeiro verán unha serie de medidas para protexer e garantir a conservación do Illote de Areoso. A directora xeral de Conservación da Natureza, Verónica Tellado, reuniuse hoxe con representantes do Concello da Illa de Arousa, da súa Confraría de Pescadores e doutros colectivos deste municipio.

A Xunta de Galicia actuará nesta illa para solucionar os problemas de degradación ambiental e patrimonial que se están a producir nesta contorna pertencente á Rede Natura 2000.

Entre as actuacións máis destacables, levarase a cabo un reforzo da sinalización, dispoñendo de información nos peiraos sobre a importancia de respectar as boias. Nas novas sinais tamén se porá en valor a riqueza de fauna, flora e elementos patrimoniais deste espazo natural co fin de concienciar á poboación e acadar o seu coidado e conservación.

Outra medida a establecer no próximo verán será a intensificación da vixilancia para que os fondeos non se realicen tan achegados á praia, ao tratarse dunha zona afectada ademais polo decreto que aproba o Plan de conservación da píllara das dunas, unha especie vulnerable.

A directora xeral de Conservación da Natureza, Verónica Tellado, subliñou a relevancia da colaboración e coordinación entre Administracións para solucionar as carencias existentes nesta contorna. Neste sentido, ás accións proxectadas polo Goberno galego haberá que engadir outras medidas que o Concello da Illa de Arousa se comprometeu a poñer a disposición.

11 de febreiro de 2015 | 19:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.