publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta achega 503.000 euros para a execución dunha potabilizadora de Taboada

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaTaboada
A-
A+

O Consello da Xunta de Galicia aprobou a colaboración técnico-financeira da Xunta de Galicia co Concello de Taboada para a execución dunha estación de tratamento de auga potable (ETAP) neste municipio lucense, cunha poboación de 3.100 veciños.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través de Augas de Galicia, financia este proxecto hidráulico cunha achega económica de máis de 503.000 euros.

Na actualidade o abastecemento de Taboada realízase mediante unha captación de auga do río Moreda, estanse bombeando 12 l/s e coas obras proxectadas preténdese obter caudal para bombear ata os 25 l/s, co que se logra caudal suficiente para as épocas de estiaxe e completar a subministración ao polígono industrial.

Prevese a construción dunha nova ETAP a partir das instalacións existentes na actualidade. Así, está previsto executar un novo edificio para albergar as instalacións do sistema de maquinaria e reactivos de potabilización da ETAP. Enterrado baixo este executarase un depósito intermedio onde se verterán por gravidade as augas despois do proceso de filtración. Un equipo de dúas bombas impulsará a auga tratada ao depósito existente para a súa almacenaxe e cloración.

Acaroado ao depósito existente e nas inmediacións do edificio da ETAP, construirase un pequeno edificio no cal se aloxará un equipo de análise e medición en continuo de nivel do cloro da auga do depósito, así como unha bomba dosificadora e un depósito. Este equipamento substitúe o existente na cámara de chaves que está afectado pola corrosión.

Finalmente, a parcela pecharase en parte, delimitando a zona de potabilización, para evitar o paso a estraños ou animais ás zonas abertas nos depósitos. O peche realizarase con malla de tela metálica plastificada, de 1,50 metros montada sobre un muro de bloque. Acondicionaranse os accesos e iluminación exterior.

A Xunta, mediante a colaboración cos concellos neste tipo de actuacións, pretende garantir o abastecemento e regulación dos recursos hídricos en calidade e cantidade, e velar así mesmo, polo seu consumo responsable e fomentar o seu aforro.

5 de febreiro de 2015 | 18:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.