publicidade hoxe

A Tradescola imparte en Pantón un curso de construción de palletas e pallóns

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPantón
A-
A+

A TRADESCOLA, escola de música tradicional xestionada pola Asociación de Gaiteiros Galegos na cidade de Lugo, organiza unha nova edición do curso de construción de palletas e pallóns que terá lugar mañá sabado 28 de febreiro na Casa da Cultura do Concello de Pantón. Este curso de confeción de palletas e pallóns, que impartirá o artesán Pontés Xaime Pena é imprescindible para todas aquelas persoas amantes da  música tradicional e particularmente para os alumnos que se están formando na aprendizaxe da gaita, xa que nesta xornada, poderanse adquirir unhas nocións básicas sobre a construcción e a manipulación de palletas e pallóns, as peculiaridades dos materiais cos que se realizan, o trato que se lles debe dar, a importancia das condicións atmosféricas no comportamento destes elementos, etc.

A Asociación de Gaiteiros Galegos, a través deste curso organizado pola Tradescola, pretende facer fincapé no coñecemento das palletas e pallóns e a estreita relación que esta actividade ten coa interpretación do instrumento. Pretendemos que este curso sirva de ferramenta para iniciar aos asistentes nun tema que é fundamental para a perpetuación dun dos instrumentos máis emblemáticos da nosa cultura.

O horario do curso de construcción de palletas, que terá lugar mañá na Casa da Cultura do Concello de Pantón, será de 10.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 19.00 horas.

Co obxectivo de continuar a potenciar e difundir a nosa música tradicional, o vindeiro día 2 de marzo a partir das 10:30 horas (e ás 12.00 horas) a Tradescola impartirá dous concertos didácticos de música tradicional na Casa Museo Manuel María de Outeiro de Rei (Lugo) para os alumnos do CEIP Laverde Ruíz nos que se fará un percorrido polos distintos instrumentos e formacións musicais da nosa música tradicional. Neste concerto amosaranse distintos ritmos, formacións e instrumentos protagonistas da música tradicional e popular galega, como gaita, zanfona, acordeón, requinta, tambor, bombo, pandeireta…..

Este concerto didáctico estará guiado polos mestres da Tradescola, Bruno Villamor, Xela Conde, Gerardo Quintela e Mª Carmen Saborido.

E continuando coas actividades que ofrece a Tradescola, o domingo seguinte, o día 8 de marzo,  terá lugar na Casa Museo Manuel María de Outeiro de Rei (Lugo), un Obradoiro de Afinación e Ornamentación de Gaita que estará impartido por Pedro David Lamas Varela. Este obradoiro é de balde e impartirase en horario de 11.00 a 14.00 horas.

27 de febreiro de 2015 | 17:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.