publicidade hoxe

A reforma da praza de abastos de Vilalba permitirá dinamizar o comercio de proximidade da vila

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilalba
A-
A+
Francisco Conde na visita á praza de abastos de Vilalba

Francisco Conde na visita á praza de abastos de Vilalba

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe na súa visita á praza de abastos de Vilalba que as melloras que veñen de ser realizadas neste mercado, cun apoio da Xunta de 150.000 euros, permitirán dar un novo pulo a unha infraestrutura que impulsará unha “maior dinamización do comercio da vila” e permitirá “seguir afondando na sona dos produtos da comarca”.

Conde, que estivo acompañado polo alcalde vilalbés, Gerardo Criado, e a directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, destacou o gran dinamismo do Concello de Vilalba, con moitas iniciativas “que permiten mellorar os servizos que se lles trasladan aos cidadáns, e pensando tamén na competitividade das propias empresas instaladas nesta vila”.

Así, na súa visita a Vilalba, o conselleiro tivo tamén oportunidade de coñecer a piscina municipal, na que vén de instalarse cunha axuda de preto de 90.000 euros da Xunta unha nova caldeira de biomasa que permitirá aforrar en torno a 40.000 euros ao ano en combustible, o que posibilitará, segundo salientou Conde, “unha maior capacidade do Concello para promover iniciativas noutros eidos”. Tamén se evitará a emisión á atmosfera de preto de 180 toneladas de CO2 ao ano.

Conde, que salientou as diferentes liñas de colaboración cos concellos que ten en marcha a Consellería, fixo referencia tamén ás melloras no parque empresarial, que no 2014 se centraron na mellora dos accesos e do alumeado público. Así, a cooperación directa co Concello de Vilalba nas melloras da praza de abastos e no parque empresarial, así como coa posta en marcha da caldeira de biomasa, ten permitido desenvolver iniciativas que mobilizan máis de medio millón de euros.

O apoio ao Concello de Vilalba na reforma da praza de abastos forma parte programa de apoio aos concellos galegos para o impulso das prazas de abastos e mercados tradicionais. A convocatoria deste ano, dotada con preto de 3 millóns de euros e cofinanciada con fondos Feder, permanecerá aberta á presentación de solicitudes ata o vindeiro 23 de febreiro.

3 de febreiro de 2015 | 17:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.