publicidade hoxe

A primeira escola infantil pública de Malpica que ofertará 41 prazas poñerase en marcha no vindeiro curso

A Consellería de Traballo e Benestar porá en marcha ao longo do próximo curso escolar 2015-2016 a primeira escola infantil pública de Malpica que ofertará un total de 41 prazas de 0-3 anos ás familias. Así o anunciou hoxe a titular do departamento autonómico, Beatriz Mato, nesta localidade, onde visitou as obras que se iniciaron no mes de xullo e se prevén que rematen antes de verán. O investimento total para a construción e equipamento do centro supera os 400.000 euros.

Coa posta en marcha desta infraestrutura, as prazas públicas da Rede autonómica A Galiña Azul na comarca de Bergantiños ascenderán a 401, un 128 por cento máis das que había en abril de 2009.

Mato sinalou que esta medida forma parte da aposta do Goberno galego por acadar a conciliación laboral e familiar das familias galegas, un dos principais eixos do Plan de Dinamización Demográfica. Deste xeito, a Xunta ten creadas desde 2009 un total de 3.320 prazas en escolas infantís, máis dun 60 por cento das que había ese ano. Na provincia da Coruña, creáronse máis de 1.600, un incremento do 90 por cento con respecto a 2009.

En total, a oferta actual de prazas 0-3 anos en Galicia é de preto de 9.000. Estas prazas da Rede A Galiña Azul súmanse á oferta de 0-3 anos sostidas con fondos públicos, que no curso 2014-2015 suman máis de 19.200 (escolas da Xunta, municipais, de iniciativa social e cheque infantil). O incremento de prazas permitiu mellorar a porcentaxe de atención. De feito, desde o curso 2009-2010 a taxa de cobertura das escolas infantís financiadas con fondos públicos sobre a poboación galega de 0 a 3 anos mellorou en case 12 puntos. Así, se no curso 2009-2010 a ratio era do 18,7%, na actualidade esta taxa ascende ao 30,1%.

Por último, neste eido, Mato destacou que antes de que remate a lexislatura tense previsto a creación de máis de 2.000 novas prazas en toda Galicia, o que significará, segundo afirmou, “practicamente dobrar as que había en abril de 2009”. 

Obradoiro ‘Camiño do Solpor’

Tras a visita a Malpica, a titular de Benestar desprazouse ata Cee, onde visitou aos 20 alumnos e alumnas participantes no obradoiro de emprego ‘Camiño do Solpor’, que tamén beneficia ás localidades de Fisterra e Corcubión. Nesta iniciativa mixta de formación e emprego, o departamento autonómico está a investir máis de 175.000 euros.

Neste programa, os alumnos están a formarse nas especialidades de xardinería e restauración da paisaxe e en confección e publicación de páxinas web. Entre os labores que están a realizar destacan o acondicionamento e mellora de parques e xardíns e zonas verdes dos tres concellos que se atopan no Camiño de Santiago a Fisterra. Así mesmo, están a elaborar unha páxina web con toda a información sobre esta ruta xacobea.

A titular de Traballo sinalou que con estas actuacións, os participantes reciben unha formación teórica e práctica de calidade orientada ás necesidades reais do mercado laboral e vinculada á obtención dun certificado de profesionalidade de validez nacional, ao tempo que están vinculadas á realización de obras e servizos para a comunidade.

Tendo en conta todas estas vantaxes, actualmente en Galicia están en marcha un total de 53 obradoiros de emprego, que contan cun investimento de máis de 9,6 millóns de euros e están a beneficiar a preto de 1.300 galegos e galegas.

En concreto, na provincia da Coruña, Traballo está a financiar 15 obradoiros, que benefician a 32 concellos e contan con 315 alumnos e alumnas. O investimento é de 2,8 millóns de euros.

Por último, neste senso, Mato avanzou que o éxito dos obradoiros de emprego levou á Consellería a blindar para este ano o orzamento destinado a estes programas que volverá a contar con preto de 10 millóns de euros, o que permitirá financiar outro medio centenar de obradoiros ao longo deste ano. A esta contía súmanse outros 4,7 millóns de euros que o departamento autonómico destinará para a posta en marcha de obradoiros de emprego destinados especificamente a menores de 25 anos.

Escola de Fisterra

Para rematar, a titular do departamento autonómico lembrou que en Fisterra, grazas á colaboración fluída con este Concello, acadouse poñer en marcha a primeira escola infantil pública desta localidade no ano 2012 , un centro, no que se investiron preto de 700.000 euros e que oferta 41 prazas ás familias de Fisterra.

2 de febreiro de 2015 | 13:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.