publicidade hoxe

A liquidación de Cervo de 2014 reflexa unha situación de estabilidade e un superávit de 668.282 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCervoLocal Portada
A-
A+

O Concello de Cervo fixo balance dos resultados económicos de 2014 a través da liquidación, un documento elaborado polo departamento de Intervención e que é clave na xestión financeira xa que fala da situación das arcas municipais ao remate dun exercicio. O alcalde de Cervo, Alfonso Villares fixo públicos estes datos acompañado de membros do equipo de goberno.

O máis destacable é que todas as magnitudes teñen un signo positivo, como é o caso do remanente de tesourería para gastos xerais, que ascende a 1.505.026 euros, o cal permitirá facer modificacións orzamentarias no caso de que fosen necesarias neste exercicio.

En canto ao resultado orzamentario axustado, ascende a 581.601 euros, mentres o indicador de estabilidade orzamentaria sitúase nos 668.282, o que se traduce en superávit e, desta maneira, que o Concello ten capacidade para autofinanciarse e poder prestar servizos coa mesma calidade sen ter que solicitar novos préstamos. Desta maneira, o goberno local está cumprindo coa regra de gasto fixada polo Ministerio de Facenda.

Ao mesmo tempo, hai que destacar que esta non é unha situación puntual, senón que o Concello leva varios anos mantendo esta “tendencia positiva de tranquilidade económica e financeira”, asegura o alcalde.

Tamén cabe resaltar que este documento estase tramitando en prazo, e incluso con tempo de antelación. Así, a liquidación foi aprobada o 5 de febreiro e a Lei de Facendas Locais establece que a liquidación ten que remitirse ao Estado e ás Comunidades Autónomas antes de rematar marzo. O mesmo ocorreu co orzamento de 2015; a lei establecía que debía estar aprobado de forma definitiva antes do 31 de decembro e no Concello xa estaba o trámite superado o 11 de decembro de 2014.

Para Villares, todos estes datos e cifras “son importantes para, por unha banda, coñecer a situación económica e financeira na que nos atopamos e, pola outra, utilizalos como base para seguir traballando de forma planificada como vimos facendo ata o de agora”. Analizando os resultados en concreto, o rexedor asegura que “son moi positivos e froito dunha boa xestión, e polo tanto permiten manter a estabilidade e, con ela os servizos, realizar obras e investimentos e atender as necesidades dos veciños”.

19 de febreiro de 2015 | 20:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.