publicidade hoxe

A glorieta do cruzamento da estrada Pontevedra-Vilagarcía de Arousa coa da Goulla estará rematada en marzo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMeisPontevedra
A-
A+
O presidente da Deputación na visita a Meis

O presidente da Deputación na visita a Meis

O presidente da Deputación, Rafael Louzán, informou hoxe que a construción da glorieta no cruzamento da estrada autonómica Pontevedra-Vilagarcía de Arousa coa estrada provincial Lois-A Goulla, que eliminará un punto negro da vía, estará rematada e operativa na primeira quincena de marzo.

Louzán visitou hoxe as obras (que se están a realizar mediante un convenio entre a Xunta e a Deputación) acompañado polo alcalde de Meis, José Luis Pérez, o delegado territorial da Xunta, Cores Tourís, e varios técnicos.

Na súa visita definíronse as zonas nas que se poderá aparcar, as liñas de peche e a instalación de canalizacións que se levarán a cabo sen interromper o tráfico. Segundo explicou Louzán, nun primeiro momento instalarase unha rotonda provisional, para acostumar o tráfico, e logo a definitiva, con illas e bordo. “A previsión é que na primeira quincena de marzo a glorieta estea totalmente operativa e se poida eliminar este punto negro das estradas provinciais”, dixo.

Na actualidade o problema de seguridade viaria neste punto deriva de que, malia existir un carril central de espera, tiveron lugar recentemente varios accidentes de tráfico debido á alta intensidade de tráfico das dúas estradas. Para solucionar o problema a Deputación e a Consellería de Obras Públicas asinaron un convenio para construír unha glorieta que canalizase as diferentes conexións.

Problemas e alta intensidade de tráfico

Hoxe o tráfico que circula pola estrada provincial debe, inescusablemente, incorporarse á estrada autonómica nun tramo en curva con pouca visibilidade. O problema é a incorporación desde ou cara á estrada provincial. Non se trata dun problema de circulación pola estrada autonómica senón que se xera cando se producen xiros cara á estrada provincial.

A estrada Pontevedra-Vilagarcía de Arousa ten unha intensidade de tráfico de 19.942 vehículos ó día, máis que moitas autovías e autopistas de España; o 9 % do seu tráfico é pesado. Pola súa banda, a vía provincial da Goulla, Meis, soporta 4.143 vehículos diarios, o 7,5 % deles vehículos pesados.

3 de febreiro de 2015 | 18:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.