publicidade hoxe

A Fonsagrada rende tributo a súa xoia gastronómica coa XVIII Feira do Butelo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA FonsagradaCalendarioLugo
A-
A+
Presentación da Feira do Butelo da Fonsagrada

Presentación da Feira do Butelo da Fonsagrada

A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, e o Alcalde da Fonsagrada, Argelio Fernández, presentaron este xoves na Praza de Abastos luguesa a XVIII Feira do Butelo, que acollerá esta fin de semana, 7 e 8 de febreiro, dito municipio. O organismo provincial colabora un ano máis co Concello na celebración desta cita cunha achega económica de 3.000 euros. “Enmárcase na nosa aposta por potenciar a comercialización e fomentar o consumo dos produtos autóctonos de calidade”, subliñou Méndez. O certame fonsagradino é de feito unha das máis de 50 actividades que teñen lugar nuns 40 Concellos lugueses que contan co financiamento da Deputación, grazas aos máis de 3,6 millóns de euros do Plan Estratéxico de Subvencións, dirixido a potenciar os principais sectores produtivos da provincia: agricultura, gandería, pesca, comercio, turismo ou artesanía.

A Vicepresidenta subliñou a estreita colaboración que se estableceu entre Deputación e Concello da Fonsagrada para potenciar a comercialización e fomentar o consumo dos produtos autóctonos de calidade como o butelo. “Esta cita é un acicate relevante para revitalizar a economía da Comarca da Montaña, posto que non só xera riqueza os días da feira, senón que impulsa a actividade económica da zona da Fonsagrada en torno á súa xoia gastronómica, o butelo; estimulando as vendas das industrias cárnicas da zona que empregan a máis de 100 persoas nesta Comarca. Respaldar este certame significa apostar polo noso: pola nosa cultura gastronómica, pola nosa tradición, polos nosos produtos autóctonos e pola nosa paisaxe”.

“En anteriores edicións acadouse un volume de negocio superior aos 20.000 euros e cada establecemento chegou a vender unha media de 3.500 unidades deste produto, oportunidade que non podemos deixar escapar para revitalizar o sector e recuperar poboación para o rural”, sentenciou Méndez.

Pola súa banda, Fernández agradeceu á Deputación “que sempre estivera pendente dos Concellos da provincia, e sobre todo da Fonsagrada”. O Alcalde invitou a todos os interesados a “gozar da Fonsagrada, da súa paisaxe, da súa xente e da súa gastronomía” esta fin de semana ao tempo que recalcaba a importancia para a Comarca do butelo, “un complemento moi grande da súa economía”.

A Vicepresidenta lembrou as iniciativas postas en marcha pola institución luguesa para promover os produtos autóctonos, tales como a plataforma de comercio electrónico www.losproductosdelugo.com, “que conta hoxe con máis de 500 produtos e servizos que ofrecen máis de 150 empresas, entre elas varias precisamente que comercializan derivados do porco, como Embutidos Campa, do Piornedo, Embutidos Hermelino, do Valadouro, Acisal, de Vilalba, e Lualco e Jamones González de Lugo”, sinalou Méndez. A Vicepresidenta Segunda aproveitou para animar ás firmas dedicadas a este sector a sumarse de xeito gratuíto a este portal de venda electrónica. Neste senso, a institución luguesa creou tamén a marca de calidade LugoSabe, que reforza o coñecemento dos produtos autóctonos.

64 expositores e 8 toneladas de butelos
No evento gastronómico desta fin de semana, que terá lugar na Praza do Concello, participarán 64 expositores, varios deles de negocios fonsagradinos, que porán á venda unhas 8 toneladas de butelos a prezos entre os 9 e 12 euros. Nos stands tamén estarán dispoñibles outros derivados do porco, como embutido, carnes curadas ou produtos salados; así como produtos autóctonos, como pan, doces, mel ou obxectos artesanais propios da Comarca. O recinto permanecerá aberto dende as 10:00 horas ás 20:00 horas, tanto o sábado como domingo, e estará ambientado por grupos de música tradicionais. O domingo ás 13:00 horas, por primeira vez, farase entrega das distincións “Butelo de Ouro” no Salón de Plenos do Concello, condecoración que recaerá en Antonio Fraguas e Julio Fernádez, quen tamén estivo presente no acto.

5 de febreiro de 2015 | 17:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.