publicidade hoxe

A directora de Turismo de Galicia salienta a importancia da responsabilidade empresarial na consolidación da comunidade como destino sostible

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaO GrovePontevedra
A-
A+

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou hoxe na VI Sesión Plenaria, Xestión sostible dos recursos naturais como factor de desenvolvemento socioeconómico de Galicia e da comarca do Salnés, do VI Congreso Galego de Medio Ambiente e Saúde, que tivo lugar na Illa da Toxa.

No seu relatorio, que versou en torno á xestión sostible que se está a desenvolver no sector turístico galego e, en especial, na zona turística do Salnés, Nava Castro, explicou que o desenvolvemento turístico sostible depende de tres piares fundamentais, o social, o económico e o ambiental, e sinalou que para que un destino sexa completamente sostible todos os axentes interrelacionados con el teñen que traballar nunha mesa dirección.

Nava Castro sinalou que un dos grandes retos abordados no Plan Integral de Turismo de Galicia é converter a nosa comunidade nun modelo europeo de turismo sostible. “Isto implica traballar na protección, conservación e posta en valor dos recursos endóxenos de Galicia, sen que perdan a súa esencia e valores de sustentabilidade ambiental e social”, explicou a directora de Turismo de Galicia.

Así mesmo, a responsable de Turismo da Xunta incidiu na importancia de que as empresas e profesionais do sector sexan coherentes con este modelo de protección dos recursos. “Isto supón un uso racional dos recursos produtivos vinculados ao negocio, e traballar para acadar un compromiso de responsabilidade empresarial no ámbito social, ambiental e económico”, explicou Nava Castro.

A directora de Turismo de Galicia resaltou que a sustentabilidade é un elemento transversal que debe integrarse en todas as políticas turísticas que se desenvolvan no territorio. “Por isto creamos diferentes produtos acordes co equilibrio entre a protección e o desenvolvemento social, económico e medioambiental”, afirmou. Nesta liña, Nava Castro sinalou algúns dos produtos sostibles mais salientables da zona do Salnés e de Galicia, en xeral, destacando o turismo termal, o turismo enogastronómico, o turismo industrial, o turismo mariñeiro, a Ruta da Camelia, o turismo ornitolóxico e os centros BTT Galicia, entre outros.

Clausura do congreso

A directora de Turismo de Galicia participou tamén no acto de clausura do Congreso, xunto co director da Academia Galega de Seguridade Pública, Luis Menor.

Nava Castro subliñou que o Salnés en concreto e Galicia en xeral son lugares onde a conservación do medio ambiente, o equilibrio dos ecosistemas e o desenvolvemento sostible están inmersos en todos os sectores da actividade produtiva.

Neste senso, a directora de Turismo de Galicia destacou que as políticas ambientais son prioritarias para a protección da saúde do home e a conservación de todos os recursos necesarios para o ser vivo. “Todos debemos formar parte desas políticas e poñer noso gran de area para constituír un ecosistema sostible”, afirmou Nava Castro.

Nava Castro concluíu afirmando que “se todos temos conciencia da importancia de conservar o medio ambiente tamén seremos os beneficiarios da melloría no sistema ambiental”.

Pola súa banda, o director da Academia Galega de Seguridade Pública asegurou que é primordial dedicar parte dos plans de formación do persoal de seguridade pública e de protección civil galegos á protección do medio ambiente, facilitando o coñecemento e o intercambio de experiencias.

Nese sentido, ofreceu a colaboración da Academia para desenvolver actividades como a de hoxe, e moitas máis, ao tempo que fixo un recoñecemento público ao labor de protección da natureza que xa veñen desempeñando “día a día” os policías, gardas civís e voluntarios de protección civil na nosa comunidade.”

27 de febreiro de 2015 | 16:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.