publicidade hoxe

A Deputación da Coruña inicia unha campaña pola igualdade e contra a violencia de xénero

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A Deputación da Coruña pon en marcha esta fin de semana unha nova campaña de sensibilización pola igualdade de xénero e contra a violencia machista indicada para todas as idades, pero especialmente deseñada para a poboación infanto-xuvenil.

O programa consiste en celebrar nunha mesma xornada en nun mesmo espazo, varias actividades lúdico-educativas destinadas a distintas idades pero todas elas enfocadas a fomentar a igualdade de sexos. Baixo o título de “No amor non todo vale” os nenos e nenas, pero tamén a mocidade, poderá participar en photocalls, monólogos, actuacións musicais, sesións de zumba, mercados solidarios, obradoiros de marionetas ou clases de defensa persoal, entre outros.

Nas actividades, ademais dos propios concellos, participarán tamén asociacións de pais e nais, docentes, o tecido asociativo do entorno e público en xeral co obxectivo de que todos eles colaboren na concienciación e sensibilización social nesta materia, fomentando a tolerancia cero con esta lacra social e promovendo estratexias educativas de prevención.

A idea desta campaña xurdiu o 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, e tras deseñar o programa e planificar  e coordinar recursos e lugares, bota a andar agora en nove concellos da provincia: Boiro, A Laracha, Ordes, Sada, Cee, Teo, Melide, Santa Comba e Fene. Este último abrirá a campaña este mesmo venres na praza do Concello.

Calendario:

– 27 de febreiro. Fene de 16.00 a 20.00 horas na praza do Concello.
– 28 de febreiro. Boiro de 16.30 a 20.30 no pavillón Santa Baia.
– 6 de marzo. Santa Comba de 10.30 a 13.30 no pavillón Barrié.
– 7 de marzo. Teo de 10.00 a 14.00 no polideportivo A Ramallosa.
– 11 de marzo. Cee de 10.00 a 14.00  no pavillón municipal de Cee.
– 13 de marzo. Melide de 9.45 a 14.15 no pavillón do IES Melide.
– 14 de marzo. Ordes de 16.30 a 20.30 no pavillón Campomaior.
– 19 de marzo. Sada de 16.00 a 20.00 no pavillón municipal de Sada.
– 26 de marzo na Laracha de 10.00 a 14.00 no pavillón municipal Paiosaco.

25 de febreiro de 2015 | 17:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.