publicidade hoxe

A Deputación construirá un parque ambiental en Ribas de Sil e mellorará as instalacións do club fluvial en Begonte

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBegonteLugoRibas de Sil
A-
A+

A Xunta de Goberno aprobou este venres a adxudicación das obras do parque ambiental en Ribas de Sil, dotadas de 67.700 euros, financiadas nun 80% por fondos europeos do programa da Deputación Lug02. A sesión tamén acordou achegar 39.900 euros para actuacións de mellora no edificio de usos múltiples do club fluvial de Begonte.

Con respecto ás obras en Ribas de Sil, o voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, explicou que estes traballos, que comezarán nos próximos días e estarán listos en marzo, consistirán, por un lado, na recuperación integral da zona infantil da Praza do Ladrillo. Neste espazo, había un parque infantil que o Concello reubicou na praia fluvial de San Clodio tras rehabilitar o conxunto dos seus xogos. Agora, a Deputación construirá en dita praza un novo parque, que contará con xogos infantil e paneis informativos sobre a riqueza natural da zona. Tamén acondicionará o entorno do parque, peonalizando os seus accesos, para incrementar a seguridade dos seus usuarios.

A maiores, estes traballos inclúen a dotación de 2 rocódromos na praia fluvial de San Clodio para complementar as prestacións que xa ofrece este espazo, “que é un dos reclamos turísticos por excelencia na zona Sur da provincia”, subliñou Martínez. Xunto á praia fluvial e o edificio de uso múltiples, esta zona conta cun parque biosaudable, zona de barbacoas e autocaravanas, espazo deportivo e un anfiteatro, que acolle ducias de actividades culturais.

Club fluvial de Begonte

A sesión acordou achegar 39.900 euros ao Centro de Iniciativas e Turismo de Begonte para executar obras de mellora no edificio de usos múltiples do club fluvial. Estes traballos consistirán no acondicionamento integral do edificio que acolle a cafetería e os servizos de duchas e vestiarios. Trátase dunha axuda máis da Deputación na posta en valor deste espazo, que na tempada de verán, e cando o tempo acompaña, recibe unha media diaria de 150 persoas. A Deputación financiou con outros 30.000 euros a execución dun plan integral de mellora no club fluvial de Begonte, a través do que se levaron a cabo melloras no parque infantil, no espazo deportivo e na zona de recreo.

27 de febreiro de 2015 | 17:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.