publicidade hoxe

A depuradora de Malpica estará rematada neste ano e dará servizo a máis de 7.000 habitantes

Ethel Vázquez na visita á nova depuradora de Malpica

Ethel Vázquez na visita á nova depuradora de Malpica

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, salientou esta mañá que as obras da nova depuradora de Malpica estarán rematadas a finais de 2015 e que dará servizo a unha poboación de maís de 7.000 habitantes.

Vázquez Mourelle, acompañada polo alcalde de Malpica, Eduardo Parga, visitou esta mañá as obras desta actuación hidráulica, cuxos traballos se centran na actualidade na cimentación da parcela na que se asentará a Edar. Recordou que para dispoñer do espazo, como paso previo, foi necesario construír uns novos edificios portuarios e a demolición dos antigos, deixando libre a parcela na que se executan as obras.

A nova depuradora valorada en preto de 5, 5 millóns de euros (5.458.513€), e cofinanciadas nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), solucionará as carencias no saneamento desta zona ao empregar un tratamento biolóxico innovador, similar ao da EDAR que se está a construír en Vigo.

Trátase dunha tecnoloxía de biofiltros no seu proceso de depuración, que permite reducir ao mínimo o espazo que ocupará a nova planta depuradora. Este aspecto, sumado a que a EDAR será confinada nun edificio de formigón, pedra e madeira, facilitará a súa integración no entorno portuario de Malpica, reducindo significativamente o seu impacto visual.

Ademais contará cunha depuración biolóxica para reducir a materia orgánica, a través dunha biofiltración acompañada de desinfección para limitar a emisión de contaminación microbiolóxica ao medio, a pesar de que as zonas de baño están afastadas.

A EDAR de Malpica situarase no extremo sur do Porto, lugar consensuado entre Augas de Galicia, Portos de Galicia e Concello tras varios estudos de alternativas.

Ademais da depuradora, proxectase unha nova rede de saneamento de recollida das augas no extremo este da praia de Area Maior de Malpica. Trátase dun novo colector, en PVC de 400 milímetros de diámetro, de entrada a un novo bombeo que recollerá as augas da parte este do paseo e da parte oeste a través dun colector existente, e as impulsará a través dun tramo de impulsión un colector por gravidade que conducirá as augas residuais a nova EDAR.

O pozo de bombeo estará composto por 2 bombas (unha de elas de reposto) de 28,2 l/s de capacidade e 5,1 kW de potencia cada unha.

Estes traballos de construción foron adxudicados á empresa UTE COPASA & Veolia Water Systems Ibérica, e previse o remate da execución das obras para finais do vindeiro ano 2015. A continuación, seguirá un ano de explotación en probas da nova planta.

Outros investimentos

A conselleira de Medio Ambiente tamén destacou o esforzo que realiza a Xunta para poñer en valor potencial da Costa da Morte. A modo de exemplo, destacou o impulso no tecido empresarial, favorecendo a implantación de novos proxectos que xeren riqueza e emprego nesta zona de Galicia. Grazas ao Plan de Venda de Solo Industrial, a Xunta pretende estimular o mercado de venda da superficie empresarial, por iso activou a primeira fase deste plan, que recolle bonificacións dun 50% nos prezos de venda de solo nos parques empresariais de Ponteceso e Carballo.

Vázquez Mourelle salientou que unha actuación significativa do seu departamento nesta comarca é a Autovía da Costa da Morte, xa en marcha, que a súa vez constitúe unha obra prioritaria e estratéxica para a vertebración e a dinamización da actividade económica.

Lembrou o impulso e traballo no treito de Carballo e Baio, un 60% do percorrido, que tenderá aos 5 municipios da traza (Carballo, Coristanco, Cabana de Bergantiños, Zas e Vimianzo) e que servirá de xeito directo a unha poboación de 60.000 persoas.

13 de febreiro de 2015 | 13:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.