publicidade hoxe

A corrupción política protagoniza a batalla dialéctica dos ‘xenerais da Ulla’ de Fao

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTouro
A-
A+
Alto dos xenerais en Fao

Alto dos xenerais en Fao

A saída da crise económica, a corrupción política ou os desafiuzamentos centraron este ano a batalla dialéctica dos ‘xenerais da Ulla’ de Fao na súa tradicional ‘Antroidada’. “Que lle importan os desafiuzamentos / polos pagamentos incumpridos / mentres grandes dirixentes / se enche ben os petos”, dixo un ‘xeneral’ no campo da festa de Fao, onde a partir das 17.00 horas se concentraron os xinetes, que luciron os seus vistosos e coloridos traxes. O radiante sol animou aos veciños e forasteiros, que chegaron ao campo da festa, malia o aire frío de febreiro. “Os nosos grandes dirixentes / aclaremos a cuestión / caeron nas redes / da infame corrupción”, dixo berrando outro dos ‘xenerais’ dende en centro do campo da festa, onde se concentraron unha decena de xinetes. “E repítennos a diario / que o peor xa ten pasado / ou viven noutra España / ou están algo alleados”, contestoulle outro ‘xeneral’.

Outro dos ‘xenerais’, a viva voz, apuntou a continuación: “E dóbranse os salarios / danlle os mellores postos / total quen paga é o pobo / a través dos impostos”. E o primeiro engadiu: “Gastan diñeiro a mansalva / corren esmorgas a cachón / e aínda máis cobren eses gastos / con tarxetas especiais”. E replicoulle outro xinete: “Así funciona o país / este é o grande disparate / e ao final sempre é o pobo / o que se enfronta ao rescate”.

A ‘Antroidada’ comezou pasadas as 17.00 horas. A esa hora o campo da festa de Fao comezou a encherse de xente. Moitos veciños acudiron disfrazados. Todos os que asistiron hoxe puideron gozar dunha alegre e divertida ‘Antroidada’. Abriron o festexo os integrantes da ‘Rumba da Susita’, dende o palco do campo da festa. A continuación xa comezou o debate dialéctico dos ‘xenerais da Ulla’. Os xinetes situáronse nun recinto pechado en círculo situado no centro do campo da festa. E alí, tras dalos o alto a sentinela, comezou a confrontación verbal. E saíron a relucir a crise económica e o seu efecto sobre os cidadáns, as tarxetas ‘black’, os desafiuzamentos e a corrupción política. Os ‘xenerais da Ulla’ replicaron e contrarreplicaron ante os veciños durante media hora. Non faltaron, posteriormente, ‘ os consellos dos frades’, que predicaron en verso anécdotas sucedidas na parroquia de Fao e nos arredores.

O espectáculo finalizou co ‘Enterro do Antroido’, que deu por pechado ata o próximo ano o carnaval no Concello de Touro, un dos máis intensos e vistosos da bisbarra de Santiago de Compostela.

17 de febreiro de 2015 | 18:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.