publicidade hoxe

200 inscritos e percorrido con novidades na VI Ruta Medela MTB

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCervoDeportes
A-
A+
Presentación da ruta

Presentación da ruta

O Concello de Cervo e o Club Medela MTB presentaron esta mañá o cartel e o programa da VI Ruta Medela MTB que terá lugar este domingo. Un acto ao que asistiron o alcalde, Alfonso Villares, o edil de Deportes, Luis Guillén, así como Victor Riera, Marcos Fernández e Abel Ordás, representantes da organización.

Unha ruta que este ano inclúe novidades destacables. Por unha banda cabe destacar o importante incremento no número de inscritos, que chega aos 200, un récord nos seis anos de celebración deste evento. Uns participantes que chegarán ao concello dende distintos puntos de Galicia, Asturias e León.

Ademais, nesta edición a organización fixo certos cambios no percorrido, incluíndo dúas novas baixadas que están xerando moita expectación entre os participantes. En canto ao itinerario, a ruta partirá da piscina de Lieiro (9:30 h.) en dirección a San Ciprián, chegando ata o faro, volvendo pola ría e a ponte medieval en dirección ao Guioncho, seguindo por Río Covo, Espiñerido, Gondrás, Monte Medela, Trasbar, subindo de novo ao Monte Medela para rematar no mesmo punto de saída, onde haberá un xantar. Antes, durante a ruta, haberá tres avituallamentos.

Unha ruta que inclúe tramos de estradas e tamén de camiños, pero nalgúns casos discorre por vías que o club acondicionou especialmente para o paso de bicicletas. Aínda así, a lonxitude mantense coma o ano pasado, en 38 quilómetros, aumentando lixeiramente o desnivel acumulado, de 1.500 metros, tratándose polo tanto dunha proba de dificultade medio-alta e orientada principalmente ao perfil dun ciclista federado.

O Club Medela MTB é o organizador da ruta e conta coa colaboración do Concello de Cervo, Alcoa, Rodabell, Cerezo Bikes e Deputación de Lugo. Luis Guillén destacou “o interese deportivo desta ruta, unido á capacidade de dinamización e de promoción do noso concello, con 200 persoas percorrendo os nosos atractivos turísticos”. O edil tamén resaltou o traballo do Club Medela MTB, “non só con esta ruta, senón tamén durante todo o ano, xa que fomentan o deporte do ciclismo, e se preocupan por abrir e manter camiños para bicicletas”. Polo tanto, “o noso agradecemento a este club pola súa labor e o noso compromiso de seguir colaborando con eles así como con todos os clubs e asociacións deportivas do municipio para, entre todos, traballar pola promoción do deporte”.

 

26 de febreiro de 2015 | 18:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.