publicidade hoxe

Xuventude convoca a segunda edición do Certame SantiAutor

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de CompostelaXuventude
A-
A+

A concelleira de Xuventude, Maite Cancelo, presentou as bases que rexerán o 2º Certame SantiAutor para artistas noveis, que ten como obxectivo promover, impulsar e canalizar a creatividade musical da mocidade de Compostela e do conxunto de Galicia. A convocatoria vai dirixida a cantautores cunha idade máxima de 35 anos, que poderán inscribirse entre o 19 de xaneiro e o 20 de febreiro de 2015. Será requisito non ter ningunha obra editada con selos discográficas ou produtoras, nin relación contractual con empresas do sector, estar empadroado nun municipio galego, que os temas presentados non foran premiados en outros certames, e a presentación de dous temas orixinais en letra e música, que serán interpretados nos concertos finais do certame previsto para os días 12 e 13 de marzo na Sala Sonar de Santiago, que colabora nesta iniciativa.

O xurado, composto por especialistas do ámbito da música e persoal técnico da Concellería de Xuventude, seleccionará como máximo 10 participantes, que pasaran a fase final actuando nun dos dous concertos organizados con ese fin. Os finalistas actuarán nos dous concertos programados, cun tempo máximo de 20 minutos cada un, no que deberán incluír a interpretación dos dous temas presentados ao certame.

Os premios, que se farán públicos o 20 de marzo de 2015 durante a primeira xornada do 6º Festival SantiAutor, inclúen a participación como teloneiros dos grupos participantes no Festival SantiAutor. Ademais, o primeiro clasificado actuará en dous concertos e o segundo tocará como artista principal nun concerto organizado na Sala Sónar.

14 de xaneiro de 2015 | 13:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.