publicidade hoxe

Xunta e os 13 concellos da área de Vigo ratifican o impulso ao Plan de Transporte Metropolitano

Reunión do Plan de Transporte Metropolitano de Vigo

Reunión do Plan de Transporte Metropolitano de Vigo

A Xunta de Galicia e 13 concellos da área de Vigo ratificaron hoxe o impulso para a posta en marcha do Plan de Transporte Metropolitano na comarca. A directora xeral de Mobilidade, Helena de Lucas, mantivo un encontro técnico con representantes das administracións locais aos que lles trasladou que a Dirección Xeral de Mobilidade está xa a traballar nas modificacións tecnolóxicas necesarias para a implantación do plan. Os municipios que integran esta área son: Baiona, Cangas, Fornelos, Gondomar, Moaña, Mos, Nigrán, Pazos de Borbén, O Porriño, Redondela, Salceda de Caselas, Salvaterra e Soutomaior.

Pola súa banda, os concellos presentes nesta reunión de traballo, celebrada esta mañá en Vigo e na que tamén participou a delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, manifestaron o seu compromiso de someter a votación do pleno municipal o convenio de colaboración, que garantirá a adhesión ao Plan de Transporte Metropolitano de Vigo.

A posta en marcha do Plan de Transporte Metropolitano de Vigo co participación de 13 concellos propiciará que todos os veciños da área metropolitana vexan mellorada a súa mobilidade, ao ter subvencionadas as tarifas de transporte metropolitano con descontos de ata o 50% nos seus desprazamentos.

O Plan de Transporte Metropolitano suporá grandes beneficios económicos para os cidadáns desta área, con aforros anuais medios que roldan os 600 euros. Ademais configúrase como unha alternativa real ao intenso uso do vehículo particular no contorno das grandes cidades, liberando de tráfico o centro das urbes e diminuíndo a contaminación.

O Plan de Transporte Metropolitano de Vigo funcionará exactamente igual que nas outras áreas, con bonificacións e descontos nos autobuses metropolitanos, que beneficiarán a todos os cidadáns nos seus transportes metropolitanos.

A modo de exemplo, un veciño de Vigo que queira ir a Baiona e para iso colla un urbano e un interurbano, co transporte metropolitano completo tería o transbordo gratuíto e pagaría 1,28 céntimos por dous autobuses, pero pola negativa do alcalde de Vigo ao convenio deberá abonar 2,14 euros, ao pagar 1,28 polo metropolitano máis 86 céntimos do urbano, supoñendo que teña tarxeta de transporte. Deste xeito, un vigués que se desprace cada día a Baiona ou ao Porriño gastará unha media de 400 euros máis ao ano polo feito de que o Concello non se incorpore ao Plan.

A directora de Mobilidade salientou que o desexo da Xunta é ter un plan de transporte metropolitano con 14 concellos, é dicir, con bonificacións no transporte interurbano e con transbordos gratuítos no urbano. Tamén afirmou que a Xunta non cerra portas, polo que brinda a oportunidade ao Concello de Vigo a incorporarse e a formar parte do acordo polo transporte metropolitano nas mesmas condicións que os 13 concellos da área.

Tamén recoñeceu que os tres concellos restantes non poden seguir esperando por este servizo nin privando por máis tempo aos seus veciños das vantaxes que ofrece esta iniciativa, sobre todo despois de que os trece concellos desta área trasladaran en reiteradas ocasións a necesidade de contar co este plan.

Por último, aclarou que os concellos que integran a área non verán modificadas as súas condicións económicas de integración, xa que farán a mesma aportación económica, con independencia de que sexan 13 ou 14 concellos os que constitúan a área de transporte metropolitano de Vigo.

14 de xaneiro de 2015 | 17:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.