publicidade hoxe

Vila de Cruces homenaxea ao que fora director do CEIP Nosa Señora da Piedade, Benito Saavedra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVila de Cruces
A-
A+
Homenaxe a Benito Saavedra

Homenaxe a Benito Saavedra

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, participou esta mañá no acto en memoria do recentemente falecido director do Ceip Nosa Señora da Piedade, Benito Saavedra Castro, organizado pola comunidade educativa de Vila de Cruces.

Na súa intervención Vázquez Abad salientou o seu labor como “docente responsable, traballador, respectuoso e comprometido”, pero sobre todo quixo subliñar “a calidade humana dun home para o que este centro era o máis importante e que puxo a súa inmensa vitalidade, enerxía e alegría de vivir ao seu servizo e ao de toda a comunidade educativa que agora o lembra”.

O responsable de Educación do Goberno galego tamén felicitou ás persoas encargadas de organizar esta homenaxe e aproveitou para facer un chamamento a toda a comunidade educativa do Ceip Nosa Señora da Piedade para que continúe o legado de “compromiso e responsabilidade” que deixou o seu director.

O acto discorreu como unha lembranza de Benito Saavedra, con discursos por parte dos distintos responsables do centro e compañeiros do finado, que glosaron o seu perfil profesional e humano. A homenaxe completouse coa interpretación de pezas musicais e dunha representación teatral a cargo dos propios alumnos do centro.

A homenaxe tamén contou coa presenza do bispo da Diócese de Tui-Vigo, Luis Quinteiro Fiúza; e do alcalde de Vila de Cruces, Xesús Otero.

28 de xaneiro de 2015 | 13:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.