publicidade hoxe

Val do Dubra pon en marcha un Centro de Encontro de Maiores

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVal do Dubra
A-
A+

O Concello de Val do Dubra poñerá en marcha a próxima semana un Centro de Encontro de Maiores para ofrecer a esta franxa de poboación unha serie de servizos especializados que lles permita mellorar a súa calidade de vida. O novo servizo, que estará xestionado por unha empresa especializada, estará ubicado nas instalacións do Centro de Formación, na rúa Corredoira, que une o Campo da Feira co núcleo urbano de Bembibre. O Centro de Encontro de Maiores, que terá un horario de tarde (dende as 16.00 ata as 20.00 horas) de luns a sábado, está dirixido aos maiores do Concello e pretende ser, según o alcalde de Val do Dubra, Ramón Varela, “un lugar de encontro para a xente maior de Val do Dubra e incluso doutros concellos limítrofes”.

O Centro de Encontro de Maiores inaugurarase o próximo día 5 de febreiro ás 16.00 horas. Entre os servizos que ofrecerá está a estimulación cognitiva, manualidades, informática e novas tecnoloxías, xeronto-ximnasia, podoloxía, quiromasaxe, lectura de prensa, sesións de cine, xogos de mesa e baile, entre outras actividades. Os maiores serán atendidos por educadores sociais especializados. Ramón Varela afirma que con este proxecto trátase de “previr a soidade dos nosos maiores” e, a mesmo tempo, servirá para que “eles compartan o seu tempo e se sintan úteis”. Os servizos non terán coste para os seus usuarios.

O alcalde de Val do Dubra, médico de profesión, tamén destaca a importancia deste proxecto no eido social. “Os nosos maiores deben recibir por parte do Concello unha atención preferente”, destaca o rexidor, quen apunta que o Centro de Encontro de Maiores era unha demanda feita polos veciños e que agora por fin “é una realidade”. Ramón Varela invita aos maiores de Val do Dubra a que utilicen estes servizos para o seu beneficio.

30 de xaneiro de 2015 | 19:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.