publicidade hoxe

Unha trintena de comparsas apúntase ao desfile “Venres de Foliada” de Tomiño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTomiño
A-
A+

Ata o vindeiro luns 2 de febreiro permanecerá aberto o prazo para inscribirse no desfile de Entroido de Tomiño “Venres de Foliada”, que terá lugar o día 13 do mesmo mes.

O prazo de inscrición abriuse hoxe, 26 de xaneiro, e a media mañá xa había máis de 30 comparsas apuntadas, aínda que so 20 terán dereito a axuda económica, tendo preferencia as do propio municipio.

A XVIII edición do “Venres de Foliada”, reunirá en Tomiño, a máis de 1500 compoñentes de máis de vinte comparsas e carrozas participantes. Trátase dun dos desfiles máis multitudinarios da comarca, coa asistencia nos últimos anos de máis de 8000 persoas.

A concelleira de Cultura, Cristina Martínez, confirmou a asistencia das comparsas más importantes da vila, entre as que se atopan Revolución Show, Estrelas da Noite e Luces de Tomiño, así coma doutras procedentes non so do municipio, senón tamén doutros puntos da comarca e do sur de Galicia.

A edila indicou que co fin de que o desfile non se alongue moito, a saída será moi puntual (21.30 horas), desde o colexio Pedro Caselles Beltrán.

En caso de chuvia, a actividade trasladaríase ao venres seguinte á mesma hora.

As bases completas poden consultarse na páxina web do Concello (concellotomino.com) ou ben na Casa do Concello, en horario de 08.00 a 15.00 horas.

Entroido de Goián

O desfile de Entroido da parroquia de Goián, un dos máis tradicionais da zona, terá lugar os días 15, 16 e 17 de febreiro. A comisión organizadora prepara un amplo programa que comezará o domingo, co desfile dos nenos e nenas (12.00 horas) e xogos na praza principal, e rematará o mércores 18, co Enterro da Taíña (19.00 hs.). Treboadas e orquestras amenizarán as catro xornadas de festa.

A maior particularidade deste Entroido, que comezou a celebrarse a principios do século XX, é que segue conservando o seu carácter netamente popular. Exemplo diso é que a vintena de carrozas e comparsas participantes saen esclusivamente pola vila, sen asistir a outros desfiles. Moi característica é tamén a Carreira de Carretillas con condutor e acompañante (domingo 15, 18 horas), e a sopa de cocido que se toma despois do tradicional desfile do martes.

Completa a celebración de Entroido, o sábado 14, o Festival Taíña, que chega á súa 12ª edición, organizado pola Asociación Xuvenil Taíña en colaboración co Concello.

26 de xaneiro de 2015 | 18:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.