publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Un home falece en Ferrol nun accidente laboral nunhas obras na base naval de A Graña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCabanasFeneFerrolPortada dereitaSucesos
A-
A+
Europa Press

Un operario faleceu este venres case de forma instantánea nun accidente laboral sucedido sobre as 11,30 horas na Estación Naval da Graña, en Ferrol, nunhas instalacións pertencente ao Ministerio de Defensa onde se realizaban unhas obras.

O falecido é Manuel F.M, de 57 anos e veciño do lugar de Lavandeira, en Cabanas (A Coruña). Pertencía á empresa Teimpersa Proyectos e Obras, con sede social no veciño municipio de Fene, do grupo Gairesa.

Segundo manifestaron fontes militares consultadas, o accidente aconteceu nunhas obras que se están a executar no peirao do Vispón. Varios operarios estaban a realizar o movemento dalgunhas pedras de grandes dimensións cando, por causas que se descoñecen, unha delas caeu do camión de obra que as transportaba, alcanzado ao operario na cabeza.

Ao lugar do suceso desprazáronse efectivos de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 cunha ambulancia medicalizada, que, aínda que trataron de reanimar o varón, non puideron facer nada pola súa vida e confirmaron o falecemento no punto.

O xuíz de garda autorizou o levantamento do cadáver pasadas as 13,00 horas tras o que foi trasladado ao Hospital Naval de Ferrol, onde lle foi practicada a autopsia. A capela ardente quedou instalada no Tanatorio San Lorenzo, de Catabois.

PESAR

O traballador falecido era o viúvo de Elisa Abruñedo, a muller achada morta en setembro do ano 2013 nas proximidades do seu domicilio, en Lavandeira, Cabanas, e cuxo crime aínda non foi esclarecido.

O alcalde de Cabanas, Germán Castrillón (PP), mostrou este venres o seu pesar polo falecemento deste veciño co que mantivera numerosas conversacións a raíz do suceso de 2013 e que motivaron a realización de varias concentracións de veciños para solicitar que se esclarecera a morte da súa muller.

9 de xaneiro de 2015 | 16:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.