publicidade hoxe

Soutomaior finaliza as obras de ampliación e mellora no parque infantil do Peirao

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSoutomaior
A-
A+

Os nenos e nenas de Arcade contan dende esta semana cunha nova zona de xogos na área recreativa do Peirao grazas aos traballos de ampliación e mellora acometidos polo Concello de Soutomaior no devandito parque infantil. Os traballos, financiados pola Deputación de Pontevedra, permitiron ampliar o recinto de xogos e a instalación de novas atraccións que farán as delicias dos máis pequenos.
Neste caso os traballos centráronse en ampliar o parque infantil do Peirao cunha nova zona de céspede artificial de ao redor de 50 metros cadrados na que se instalaron dúas novas atraccións, un carrusel para nenos e un novo castelo con cordas e diversos xogos ademais do tradicional tobogán. Ademais instaláronse dous vistosos bancos de madeira para que as familias dos pequenos poidan descansar mentres estes gozan dos seus xogos. Todo iso protexido cun novo valo perimetral de madeira que delimita a zona para facilitar a tarefa dos coidadores.

Traballos en Talo Río e Comboa

Na actualidade, o Concello de Soutomaior é un dos núcleos de poboación máis dinámicos da provincia. Dispón dunha poboación nova cuxa media de idade é de 41 anos e mostra deles é a gran cantidade de nenos que gozan das súas áreas recreativas. Por este motivo, o Concello centra os seus esforzos en manter en perfecto estado as instalacións de recreo infantís así como en dotalas de novos xogos e elementos de seguridade e confort para os nenos e as súas familias.

Durante a inauguración, o alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, aproveitou a ocasión para anunciar a próxima remodelación das áreas recreativas da alameda Talo Río, en Arcade, e do parque infantil do barrio de Comboa. Uns traballos, que sumados a esta última actuación e a levada a cabo recentemente no barrio da Devesa, demostran o compromiso do goberno local coa poboación infantil e as súas familias.

“Soutomaior non deixa de crecer, somos o concello que conta co maior número porcentual de nacementos e que máis medra de toda a provincia dende hai máis de 10 anos. Isto é porque a pesar de ser un concello pequeno e con recursos limitados, nos esforzamos ao máximo en aproveitar as nosas posibilidades, centrándonos en pequenas actuacións e traballos próximos á cidadanía que facilitan a vida diaria dos nosos veciños, afirmou o rexedor local.

15 de xaneiro de 2015 | 11:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.