publicidade hoxe

Sober renova 15 marquesiñas da localidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSober
A-
A+
Novas marquesiñas

Novas marquesiñas

O Concello de Sober vén de renovar 15 marquesiñas da localidade, dentro do seu proxecto de mellora e coidado da imaxe da contorna e dotación de servizos á cidadanía. A intención do Goberno local, tal e como explica o alcalde, Luis Fernández Guitián, “é a de seguir avanzando nestes traballos en diferentes lugares do Concello”.

A renovación das estruturas foi executada polos traballadores do módulo de carpintería do Obradoiro de Emprego que Sober comparte cos Concellos de O Saviñao e Pantón. As marquesiñas foron instaladas tendo en conta criterios como o lugar, o estado da anterior cuberta e os usuarios. Todas elas están adaptadas para cadeiras de rodas.

As novas instalacións foron elaboradas con madeira tratada para exteriores e incorporan o nome do lugar, ao estilo dunha estación de ferrocarril ou autobús.

Ata o de agora téñense cambiado as marquesiñas de Matamá, Arxemil e O Toxedo (Anllo San Martiño), A Pena e Vilanova (Gundivós), Doade e Vilachá (Doade), A Pena (Proendos), Vilamaior (Refoxo), A Casilla (Neiras), Soutonovo e Igrexa (Anllo Santo Estevo), Barreiros (Santiorxo), e O Pinar (Bolmente). Nos próximos días será colocada a de Telleiros.

15 de xaneiro de 2015 | 11:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.