publicidade hoxe

Sober arranca os preparativos da Feira do Viño de Amandi cun concurso para elixir o cartel anunciador

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSober
A-
A+

O Concello de Sober vén de convocar un concurso de deseño gráfico co fin de elixir o cartel anunciador da XXXV Feira do Viño de Amandi, que se celebrará os días 28 e 29 de marzo. Os interesados en formar parte poderán presentar os seus traballos ata o día 10 de febreiro. O gañador farase cun premio en metálico de 600 euros.

O Goberno local vén de facer publicas as bases que rexen o concurso e que xa se poden consultar na web municipal www.concellodesober.com.

Os traballos deben presentarse en formato A3 e a técnica é libre. Deberán ser presentados en soporte ríxido para facilitar a súa exposición e só se pode presentar un cartel por autor ou autora.

As bases recollen ademais que os deseños deben reflectir o espírito da Feira do Viño de Amandi facendo especial fincapé no sector vitivinícola e no patrimonio e cultura da localidade. O deseño gañador será empregado como cartel anunciador da XXXV Feira do Viño de Amandi, así como nos programas de man. Os restantes carteis presentados poderán ser expostos se o Concello así o considera.

Todos os traballos poderán ser entregados no Concello de Sober desde hoxe e ata o 10 de febreiro en horario de 10:00 a 14:00 horas.

Reunión cos adegueiros

O Goberno local convocou para o 15 de xaneiro unha reunión cos adegueiros para abordar os preparativos e detalles da XXXV Feira do Viño. Será ás 7 da tarde na Casa da Cultura. O prazo para participar no evento estará aberto tamén ata o dez de febreiro.

10 de xaneiro de 2015 | 12:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.